Takekazu Asaka: “Para min, nipogalego, a lingua propia de Galicia é a miña segunda lingua”

Foi profesor de castelán na Universidade Tsudajuku durante décadas pero a súa paixón é desde hai moito a lingua e a cultura galegas e exerce como auténtico embaixador cultural de Galicia no seu país natal. En recoñecemento a este labor, a Real Academia Galega recibiu hoxe a Takekazu Asaka (Tokyo, 1952) como membro de honra nun acto celebrado en Cambados, a vila de Ramón Cabanillas, un dos clásicos galegos que verteu ó xaponés. O filólogo nipón levou tamén ó seu idioma materno a Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra ou os poetas medievais, promoveu a súa difusión a través da música, editou manuais pioneiros para a aprendizaxe do galego desde o xaponés, impartiu durante máis de quince anos clases da lingua de noso en varias universidades do seu país e estudou desde o seu idioma fenómenos lingüísticos como a gheada, o pronome de solidariedade e o infinitivo conxugado, entre outras achegas. E séntese parte de Galicia, país ó que o unen asemade numerosas amizades que o acompañaron este mediodía.

1/18

“Para min, nipogalego, desde hai anos a lingua propia de Galicia é a miña segunda lingua. Ser membro de honra desta institución é o máximo que podería agardar dunha terra e dunha xente que tan ben me acolleron, e que me acollen cada vez que volvo”, declarou o profesor na apertura da súa intervención, titulada Do poñente ó nacente. Unha ollada desde Xapón á lingua e á cultura galegas. “Hoxe, ó nomealo académico de honra, esta institución agradece de novo a entrega á causa de Galicia deste xaponés, fillo e neto de labregos do Tokyo rural; e recoñece o seu labor incansable na defensa da lingua e da cultura da súa segunda patria”, salientou o académico de número cambadés Francisco Fernández Rei na resposta que lle deu en nome da Academia. “Hai moito tempo que simbolizas a forza que vén de lonxe, de ben lonxe no teu caso”, concluíu.

A cerimonia, celebrada no Auditorio da Xuventude de Cambados, incluíu un recital poético a cargo da soprano Miho Haga e a pianista Kazumi Ogura, encargadas de interpretar varios poemas de Cabanillas e Celso Emilio traducidos ó xaponés polo novo académico de honra. O profesor Takekazu adoita completar as súas edicións xaponesas de autores galegos con cedés de versións musicais. Promove ademais no seu país, desde 2008, o Ciclo de música e poesía galega, que contou con algunha réplica arredor do vate cambadés neste mesmo escenario da vila pontevedresa nos anos 2014, 2017 e 2023. 

A descuberta do galego nun quiosco da praza de Cibeles

O propio Takekazu foi previamente recitando, en galego e xaponés, versos de Rosalía, Novoneyra e Cabanillas, nunha intervención en que rememorou a súa descuberta do galego a finais dos anos 70 e como foi medrando a súa relación co idioma no plano intelectual e no emocional. En 1977 estaba a realizar unha estadía en Madrid para estudar castelán. Alí, na praza de Cibeles, mercou o seu primeiro exemplar do semanario d’A Nosa Terra. “Sorprendeume moito que non estivese escrito no mesmo idioma que outros xornais españois, foi o primeiro contacto que tiven co galego escrito”, lembrou. 

De volta á casa, colaborou en ocasións con esta cabeceira desde a sección de cartas dos lectores. Nos anuncios destas páxinas descubriu a editorial Galaxia e axiña encargou o Dicionario de Xosé Luís Franco Grande e a Gramática elemental del gallego común de Carballo Calero. Dous meses despois, recibía por vía marítima os libros, acompañados dunha agarimosa carta de Xaime Isla Couto, un dos fundadores do selo creado desde a resistencia galeguista no interior. 

A primeira visita a Galicia demoraríase ata setembro de 1989, cando sendo xa profesor titular da Universidade de Tsudajuku asistiu en Santiago de Compostela ó XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románica. Nesta cita, co académico Ramón Lorenzo á fronte da organización, coñecería moitos estudosos do galego, locais e doutros países, que andado o tempo se converterían en colaboradores e amigos. Entre eles, Francisco Fernández Rei, quen recordou tamén na sesión de hoxe o seu primeiro encontro co “amigo Take”, “Takiño”, naquelas xornadas. 

Manuais de lingua pioneiros no Xapón
En diante, o profesor chegaría desde Xapón practicamente cada verán, primeiro para participar como alumno nos acabados de crear cursos de verán de galego para persoas de fóra de Galicia e despois para traballar en distintos aspectos do idioma e da cultura do país. E tamén para seguir coñecendo o seu territorio e a súa xente, sinalou nun discurso inzado de lembranzas de primeiros encontros e novas amizades, como Isaac Díaz Pardo e Xosé Neira Vilas. 

Palabras especiais tivo no peche do seu discurso para os investigadores do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela: “Ó longo de máis de tres décadas, sempre contei coa súa desinteresada colaboración. Estoulles moi agradecido ós amigos galegos que me animaron a traballar sobre a súa lingua, que desde hai tempo considero miña. Doulles fe do meu amor polo galego”, rematou.

As primeiras contribucións de Takekazu Asaka no campo dos estudos galegos centráronse na lingua, un legado imprescindible para comprender un pobo, considera: “Cando comecei a dar clases de galego para universitarios, explicáballe ó meu alumnado xaponés que era necesario aprender a lingua do pobo galego para entender a súa historia, cultura e xente”. Co ánimo de favorecer a súa aprendizaxe, en 1993 publicou a súa Gramática do galego moderno, a primeira deste tipo para estudantes xaponeses, cun gravado de Carlos Maside na cuberta que adiantaba o seu constante interese por unir as letras con outras formas de expresión artística. Logo chegarían a Guía de conversación en galego (1994), cunhas dúas mil entradas e cuberta de Xosé Vizoso; e o Vocabulario básico da lingua galega (1995), cunha obra de Isaac Díaz Pardo na cuberta, dous títulos que dan conta da atención que lle presta ó léxico e á fraseoloxía. Anos máis tarde, presentou As linguas en España e Portugal. Estudo da sociolingüística (2005) e a Nova gramática galega (2016) para o alumnado nipón, corrixida e ampliada en 2018.

Cabanillas, Rosalía e a dor pola perda
No terreo literario, a obra de Cabanillas mereceu a súa atención desde a súa primeira visita a Galicia. Dúas décadas despois, no 2011, o profesor Asaka levaba ó prelo Cantata a Ramón Cabanillas, a súa primeira tradución de versos do vate. A proposta, cun limiar de Fernández Rei, converteuse dous anos máis tarde nun libro-cedé no que a pianista Rika Nishikawa e a soprano Miho Haga musicaron unha escolma de poemas do cambadés.

Posteriormente, en 2019, viu á luz a tradución d’A rosa de cen follas. Breviario dun amor, titulada Hyakuyô no bara. “Volvín facer fronte a numerosos atrancos, como me pasou con outros textos de Cabanillas, polos dialectalismos cambadeses, hiperenxebrismos e o polimorfismo, ademais das sutís metáforas coas que fiaba o seu pensamento”, recoñeceu.

Pero Rosalía foi a primeira. No ano 2002, con limiar de Xesús Alonso Montero, saía do prelo a primeira edición da súa versión xaponesa de Cantares gallegos, que tamén tivo unha segunda edición cun cedé no que contou coas mesmas colaboradoras musicais. “Traducir os poemas de Rosalía resultoume unha tarefa ardua, porque o galego e o xaponés son dúas linguas absolutamente distintas. Por iso comecei facendo unha tradución literal, pero intentei tamén transmitir por medio da miña lingua, da mellor maneira que puiden, o sentido de cada frase”, compartiu.

Despois chegarían as versións nipoas de Contos da miña terra e, en 2018, unha escolma de poemas de Follas novas. Wakaba syuu. Nese momento o filólogo non quería mergullarse en textos que transmitisen tanto pesar, pero decidiuse finalmente a traducilos. Mentres traballaba nestes versos, faleceu vítima dun cancro a súa muller, Mari Yuko Tezuka. “Sentín no meu corpo as moitas dores que matan, tal como escribiu Rosalía. Así, con tristeza e soidade, realicei a tradución á miña lingua. Seis anos despois, sigo pensando que o fixen atravesado por un ánimo parecido ó de Rosalía”, confesa. 

Co pasamento da súa dona aínda moi recente, Asaka emprendeu tamén a tradución d’A rosa de cen follas. “A tristeza da rula do Sar apreixoume o corazón”, sinala en referencia a un dos poemas de Cabanillas de inspiración rosaliana. O mesmo autor é o protagonista doutro proxecto en mente, a versión xaponesa de Samos, a última obra do poeta de Fefiñáns, unha versificación da historia do mosteiro do mesmo nome.

Do desafío do mundo poético de Novoneyra ás cantigas medievais
Moi desafiante, por motivos diferentes, foi igualmente traducir a Uxío Novoneyra, a quen coñecera en 1992 na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela. “Encantoume o seu xeito de poetizar a terra do Courel. E logo funo visitar dúas veces co amigo Perfecto Conde á súa casa natal, en Parada do Courel. Despois de coñecer O Courel, entendín perfectamente o que expresou n’Os eidos”, explicou. A súa versión nipoa deste volume publicouse en 2017 con limiar de Claudio Rodríguez Fer, froito dun esforzado traballo para captar a esencia dos dialectalismos e o idiolecto do propio autor. “Coido que, polo menos, puiden transmitirlles ós meus compatriotas o ambiente da terra courelá, xunto ca suavidade cotiá recollida no libro”, valora.

A lírica medieval tamén cativa o académico. En 2009 verteu ó xaponés as sete cantigas de Martin Codax para o volume que reuniu traducións destas composicións a dez idiomas. En 2015 saíu do prelo outro título que demostra a fascinación do profesor Asaka pola relación entre música e poesía, Xograr Martín Codax. Sete cantigas de amigo, cun cedé musicado pola Ensemble Yuri; e en 2022, Introdución ás Cantigas de Santa María no Xapón, prologado por Ramón Lorenzo. A segunda edición deste último libro, aumentado e corrixido, Convite para as Cantigas de Santa María, contou cunha introdución do tamén académico Henrique Monteagudo e a gravación de sete composicións marianas a cargo do Ensemble Trou Bour de Tokyo. A súa contribución máis recente neste eido, desta volta cun cedé musical do Trío Amaluz, é Os tres xograres da ría de Vigo, presentado en abril deste mesmo ano. Con limiar de Mercedes Brea, neste traballo o profesor edita en galego e xaponés tódolos poemas de Martin Codax, Mendinho e Johán de Cangas, e aborda tamén a música das cantigas e como ler os códices.

Lingua, paisaxe e música tradicional
Francisco Fernández Rei afondou na súa resposta no percorrido vital e académico de Takekazu Asaka, deténdose, entre outros aspectos, na súa querenza polo cruzamento entre a lingua, literatura e as paisaxes, por unha banda, e a música tradicional, por outra.

“Nas nosas paisaxes naturais encontrou semellanzas coas da illa de Hokkaido, no norte dese país insular, pois ambas comparten rías na costa e montes, ríos, balnearios e verde no interior. Trátase dunha zona que Asaka coñece ben por ser o escenario onde practicou alpinismo na mocidade. Cabe preguntarse ata que punto a súa identificación coa natureza tamén puido contribuír a espertar o seu interese pola nosa lingua”, reflexionou o académico numerario. 

Durante anos o homenaxeado acudiu á montaña luguesa, a San Martín de Suarna, a aldea natal do tamén académico Antón Santamarina, onde gozou da tranquilidade e do “galego puro” dos seus habitantes, ó que lle dedicou un artigo; e máis adiante tamén estudou a gheada cambadesa e a fala da Illa de Arousa, en territorios que coñeceu en profundidade da man do propio Francisco Fernández Rei. “Aínda hoxe me marabilla o coñecemento que Asaka ten da vila e de bastante xente de Cambados e, por suposto, dos sitios de bo xantar”, engadiu o filólogo.

A ría da Arousa á que pertencen Rianxo e Cambados é tamén dalgún xeito a protagonista dun recente traballo en que Asaka considera que Castelao debeu de inspirarse para a súa cuberta para Vento mareiro (1921) de Cabanillas nunha obra de Hokusai Katsushika (1760-1849), un dos maiores expoñentes da arte da estampa xaponesa coñecida como ukiyo-e-. A xilografía en cuestión reprodúcese no programa de man do recital musical da sesión extraordinaria de hoxe.

O encargado da loanza de Asaka suxeriu ademais que o seu afán divulgador da cultura galega podería gardar relación coa súa afección pola música clásica e a tradicional galega. “A favor desta hipótese pódese argumentar que o seu gusto por esas músicas agromou na terra fértil dun tipo de canción tradicional xaponesa que escoitaba cando neno. Coñecida como min’yō, naceu de xeito natural nas comunidades mariñeiras, labregas e montañesas como reflexo e prolongación da vida cotiá en cada unha delas. Poida que a música tradicional, e a Galicia non urbana, lle recorde o Tokyo rural en que naceu e se criou, pois son moitos os xaponeses que consideran que o min’yō afecta profundamente o seu ser”, propuxo.

A importancia de cultivar as relacións exteriores
Tras lle facer entrega da medalla e do diploma de académico de honra, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, agradeceulle a Takekazu Asaka a amizade “intensa e xenerosa” que mantén con Galicia e a súa lingua e cultura. “É unha honra e un orgullo grande poder presumir do seu traballo e da súa presenza naquelas extremas do mundo, onde a nosa cultura interesa e, da súa man, fai sementeira”, expresou.

O presidente da Academia destacou tamén a importancia de “abrir portas para a relación exterior”. “O amor aliméntase de relacións e coñecemento”, advertiu Víctor F. Freixanes, para se referir deseguido á experiencia dos Cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras, dos que Asaka foi alumno nos primeiros anos noventa, e que a RAG e o ILG seguen a coorganizar. 

O novo académico súmase á nómina de membros de honra da RAG, á que xa pertencen Kathleen March, embaixadora da cultura galega nos Estados Unidos; María Rosa Lojo, desde a Arxentina; Carlos Alberto Zubillaga, no Uruguai; John Rutherford, desde Reino Unido; e Marina Mayoral desde Madrid; e da que formaron parte nos últimos anos tamén, entre outros, os galeguistas italianos Giulia Lanciani (1935-2018) e Giuseppe Tavani (1924-2019).

A sesión extraordinaria de ingreso de Takekazu Asaka como membro de honra da RAG celebrouse coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Concellería de Ensino, Cultura e Patrimonio do Concello de Cambados. Previamente, o novo académico de honra asinou no libro de honra do Concello nunha recepción celebrada na sala Pitusa Vidal Cabanillas do edificio municipal Casa da Calzada.

Fotogalería