Xosé María Díaz Castro
A biografía
Desde primeiros deste 2014, na páxina web da Academia temos dispoñible unha extensa e minuciosa biografía de Díaz Castro da man do membro numerario desta institución e catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Villares Paz.
Na súa crónica, Villares Paz deita luz sobre o percorrido vital dunha persoa discreta, allea a calquera vocación de notoriedade pública, subliñando aspectos como a súa formación como bacharel no Seminario de Mondoñedo, verdadeiro alcouve da poesía galega moderna polo que tamén pasaron Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Crecente Vega, Alvaro Cunqueiro, Díaz Jácome e un poeta con quen Díaz Castro ha manter unha estreita amizade ao longo de toda a súa vida: Aquilino Iglesia Alvariño.
Establecido definitivamente como funcionario en Madrid a partir de 1948 grazas ao seu extenso coñecemento de varias linguas, Díaz Castro convértese, de vagar e a pesar da súa condición de inédito, nunha referencia para os mellores coñecedores da poesía galega naquela altura. Así, Fernández del Riego inclúe varios poemas do futuro Nimbos na súa Escolma de poesía contemporánea, IV. Os contemporáneos (Galaxia, 1955), e varias composicións súas van aparecendo tamén en revistas especializadas da época.
Este lento agromar da imaxe pública como escritor de Díaz Castro vaise consolidar definitivamente a partir de 1961 coa publicación de Nimbos en Galaxia, o seu único libro publicado en vida, que o sitúa e caracteriza para sempre como un autor singular e posuidor dun estilo propio, a contrafío da poesía social que daquela empezaba a se tornar hexemónica nas nosas letras.
O estilo
O 21 de xuño de 2013, o Plenario da Academia reunido en Tabernas escollía o poeta de Guitiriz Xosé María Díaz Castro como protagonista do Día das Letras Galegas 2014. Entre os argumentos aducidos en apoio da súa candidatura, achamos unha breve descrición da concepción poética do poeta dos Vilares: "o estilo creativo de Díaz Castro é sobranceiro pola súa economía expresiva e pola combinación de intimismo, paisaxismo e humanismo, así como polo seu virtuosismo técnico".
Este trazo formal de Díaz Castro, a súa sobriedade, foi salientado tamén polo membro honorario da Academia e profesor emérito da Universidade de Oxford, John Rutherford, quen nas súas respostas ao Cuestionario Díaz Castro, definiuno como un poeta que: "Fai uso sobre todo dos elementos máis básicos, esenciais e imprescindíbeis da linguaxe, os substantivos e os verbos, cun emprego moi restrinxido de elementos accesorios como adxectivos e adverbios, que aparecen nos seus poemas só en casos de verdadeira necesidade. […] Nunha cultura na que a verbosidade é un defecto frecuente, esta lección de rigorosa disciplina lingüística é unha achega de suma importancia".
Así mesmo, o poeta celanovés Baldo Ramos salientou a economía expresiva do autor de Nimbos: "Díaz Castro é un poeta cun gran dominio da lingua poética. Austero nos recursos pero moi efectivo nos achados poéticos. Minimalista, diriamos hoxe".
O contido
No que atinxe á súa temática, os especialistas consultados divídense entre os que subliñan o pouso relixioso da súa obra, e aqueloutros que prefiren situar o autor de Guitiriz no ronsel do movemento existencialista que dominaba o escenario intelectual na Europa da Posguerra.
Entre os primeiros, atopamos ao presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, quen definiu a Díaz Castro como un poeta "relixioso" e "eglóxico", alén de subliñar a densidade poética da escrita de Nimbos. O profesor e crítico Armando Requeixo recunca nesta visión, e fala dunha "omnipresenza dunha sensibilidade religacional e transcendente", mentres que para o poeta Claudio Rodríguez Fer, Díaz Castro ten como principais referentes "Galicia, a cristiandade e a humanidade".
As profesoras e poetas María do Cebreiro e Carmen Blanco, pola súa parte, sitúan o autor de Nimbosen liña co movemento existencialista en boga na Europa dos primeiros cincuenta. A primeira delas, María do Cebreiro Rábade, salienta "a súa concepción do poema como un camiño de procura existencial, por momentos case filosófica, no esteiro do que Alain Badiou denominara a ‘Idade dos Poetas'".
Pola súa parte, para Carmen Blanco a empresa poética de Díaz Castro ten como obxectivo dar forma aos "misterios e verdades esenciais da vida, unha beleza integrada nun pensamento alto, un sentir fondo e unha forma precisa; unha beleza cun sentido existencial da vida como drama".
A produción editorial
O Día das Letras Galegas constitúe desde a súa fundación un punto de referencia na planificación anual das nosas editoriais. Así, ao longo deste ano saíron do prelo varias monografías centradas, quer na análise da vida e a obra do autor dos Vilares, como Xosé María Díaz Castro. Vida e obra, de Armando Requeixo; Cartafol de traducións e outros poemas. Díaz Castro X. M, do mesmo autor, ou A ferida da beleza, de Segundo Pérez López; quer na reedición de Nimbos publicada por Galaxia, que tamén publicou este ano unha compilación da súa Poesía galega completa con edición de Armando Requeixo novamente.
As achegas do audiovisual
Mais se algún elemento do Día das Letras Galegas deste ano está a resultar especialmente singular é a abondosa produción audiovisual realizada ata o de agora ao redor do seu protagonista. Xa en febreiro deste ano, co gallo do centenario do seu nacemento, Xosé Antón Cascudo estreaba o documental O instante eterno. Así mesmo, o colectivo Acto de primavera puña en marcha Proxecto Nimbos, unha convocatoria a directores de cine galegos e foráneos para a realización de pezas audiovisuais curtas, de entre un e cinco minutos, baseadas nun poema do libro Nimbos do que se levan publicado 13 composicións, incluída unha realizada por Margarita Ledo Andión, arquiveira-bibliotecaria da Academia á que se pode acceder aquí.
A popularización do emprego dos medios audiovisuais propiciou tamén un considerable aumento na produción de vídeos e documentais de manufactura non profesional, como os creados polo alumnado do CPI dos Dices de Rois, que se poden consultar nesta ligazón e nestoutra, ou Esa lus, unha canción para Díaz Castro, procedente do propio IES Díaz Castro de Guitiriz.