Siro López profunda na invención do humorismo para a literatura na obra mestra de Cervantes

O Quixote non é só a primeira novela moderna. É a obra que sinala o nacemento da que foi unha nova forma de humor na creación literaria, a do humorismo. Afírmao o debuxante, humorista gráfico e escritor Siro López en Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo, un ambicioso ensaio publicado nos Cadernos de Ramón Piñeiro que presentou este xoves na Real Academia Galega. A súa análise continúa a porta que deixara entreaberta Celestino Fernández de la Vega. El foi quen tratara ata o momento en España "con máis fondura e rigor" o humorismo do Quixote, un valor que, malia a súa importancia, interesou ata o momento pouco aos cervantistas, sociólogos e críticos literarios, lamenta Siro López.

Pola esquerda, Manuel González González, Xesús Alonso Montero, Siro López Lorenzo e Valentín García Gómez. Autor: RAG


Foi o propio Celestino Fernández de la Vega quen lle advertiu a Siro López, en 1972, que sería el quen tería que escribir o libro que continuase o camiño aberto polo intelectual lugués en O segredo do humor (1963). Corenta e cinco anos despois daquela conversa, o debuxante presenta un volume co obxectivo de "explicar por que e como Cervantes escribiu o Quixote como obra humorística". Está dedicado ao propio De la Vega, quen lle aprendeu "a ver a Cervantes a ler o Quixote", e a Ramón Piñeiro, a quen lle agradece que o iniciara e orientara nos estudos do humor.

Siro López estivo acompañado na presentación do seu ensaio polo académico de número e coordinador científico dos Cadernos Ramón Piñeiro, Manuel González González; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. "Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo é unha desas obras que constitúen un fito para o coñecemento dun tema determinado. Tanto para os estudosos da teoría do humor como para os cervantistas vai haber un antes e un despois desta obra", salientou Manuel González González. Valentín García gabou tamén o traballo de Siro López, que mantén unha "relación moi extensa e densa" co Centro Ramón Piñeiro. "É un libro único", coincidiu Xesús Alonso Montero, quen se detivo nas achegas de Celestino Fernández de la Vega ao tema no que agora profunda o debuxante. "A partir de agora, as referencias sobre este tema serán ao libro de Siro López", concluíu.

O ensaio preséntase como achega á dúas conmemoracións: o IV centenario da morte de Miguel de Cervantes e da edición da Segunda Parte da obra desde Galicia, "onde a vivencia do humor, concretamente do humorismo, ten tanta importancia que podemos afirmar que a sensibilidade humorística é, coa saudade e co sentimento relixioso da terra, un dos factores diferenciais do ser galego".

A presentación rematou cun coloquio co público no que, entre outras cuestións, lamentou que Celestino Fernández de la Vega sexa hoxe "un gran descoñecido" e apuntou continuadores contemporáneos do humorismo do autor do Quixote: "Levado ao cine, o humor de Cervantes é o de Charlotte. Charlotte é don Quixote, un personaxe ridículo que pasa por cincuenta mil peripecias, pero que ao final remata triunfando co sorriso. Sen saír de Galicia, temos a Castelao. Non hai ningún escritor en España que estea tan próximo a Cervantes como Castelao. Os contos de Cousas e Retrincos asinaríaos Cervantes encantado da vida. Hoxe hai moitos autores autenticamente humoristas".


Público seguindo a presentación do libro. Autor: RAG