A data elixida, procurada polo propio Fernández del Riego, tiña unha significación especial: cen anos antes, o 17 de maio de 1863, Rosalía dedicáralle ese día a Fernán Caballero a súa primeira edición de Cantares gallegos, título fundacional do Rexurdimento. Así que, como non podía ser doutro xeito, a homenaxeada da primeira edición foi a propia autora fundacional das letras galegas contemporáneas.
A mostra virtual, composta fundamentalmente por documentos conservados na propia Academia, a Fundación Penzol e a editorial Galaxia, comeza co documento da proposta da creación do Día das Letras Galegas presentada ante á RAG polos tres académicos e dúas fotografías históricas daquela primeira edición: a da visita que, con motivo da conmemoración, lle fixeron os membros da Academia a Gala, filla de Rosalía, na súa casa da rúa de Santo Agostiño da Coruña, e mais a duns novísimos Salvador García-Bodaño, Carlos Casares, Arcadio López-Casanova e Xohana Torres no salón artesoado de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, onde os catro poetas participaron no recital posterior á conferencia sobre a autora que impartiu Ricardo Carballo Calero.
A mocidade dos catro escritores simboliza dalgún xeito o carácter que axiña adquiriu a festa das letras. “O gran pulo da celebración veu da man do asociacionismo cultural, que daquela empezaba a agromar en toda Galicia, apoiado principalmente na xente nova. A asociación O Galo sacou en Santiago de Compostela os libros galegos á rúa e axiña outras seguiron o seu exemplo. Hoxe podemos dicir que o que comezou sendo un acto académico de relevancia cualitativa se transformou nun acontecemento social que reborda amplamente as expectativas dos primeiros animadores”, valora o presidente da Academia. “Entidades comerciais, agrupacións empresariais, medios de comunicación, sindicatos, editoriais, clubs deportivos, centros de ensino de distintos niveis, universidades, grupos políticos etc., ademais das institucións do goberno, dun xeito ou doutro, participan na celebración por riba de diferenzas ideolóxicas e outros intereses, unha celebración que xa non é un día, senón que atinxe os doce meses do ano”, engade.
De Galicia á diáspora
As imaxes escolmadas dan conta de como a iniciativa prendeu con éxito e adoptou distintas formas de expresión por todo o país. E tamén na diáspora: unha delas inmortaliza a segunda edición das Letras Galegas, a dedicada a Castelao, na Casa de Galicia de Nova York, outra reproduce o programa do Centro Gallego de Buenos Aires co gallo do 17 de maio de Francisco Añón (1966) e unha terceira reproduce a adhesión do alcalde da localidade portorriqueña de Mayagüez á celebración do Día das Letras Galegas en 1975, que xirou arredor de Xoán Manuel Pintos. As fotografías internacionais comparten espazo con feiras do libro e festas populares como a organizada no parque de Santa Margarida da Coruña nas Letras Galegas de López Ferreiro (1978), manifestacións a prol da lingua, discursos institucionais, descubertas de placas conmemorativas, ofrendas florais aos homenaxeados por toda Galicia e unha notable escolma de carteis, entre os que destacan os creados por Xohán Ledo para Galaxia.
A mostra remata, polo momento, con outros dous exemplos da pegada das Letras Galegas na expresión plástica: os murais dedicados a Xela Arias e Florencio Delgado Gurriarán nas súas localidades natais, Sarria e Vilamartín de Valdeorras, co gallo das Letras Galegas de 2021 e 2022, respectivamente. Tras o vindeiro 17 de maio, a galería incorporará as imaxes das Letras de don Paco, pero entrementres Fernández del Riego xa aparece nela recordando a figura de Eduardo Pondal, no acto académico celebrado en 1965 na sede da Reunión Recreativa de Artesáns da Coruña, e mais o seu amigo Luís Seoane no Día das Letras Galegas de 1994.