Seis achegas a Carlos Casares en 'Grial'

Carlos Casares é o protragonista do novo número de Grial, revista que dirixiu durante trece anos. A publicación xunta, co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao escritor ourensán, seis achegas de Ricardo Gurriarán, Xosé Ramón Quintana Garrido, Antón Baamonde, Dolores Vilavedra, Grial Parga e Carlos Fernández que que abordan distintas facianas do autor. Un texto inédito de Casares, cedido pola fundación que leva o seu nome, unha entrevista que lle fixeron en 1980 por María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo e as "Cinco cartas desde Suecia" que publicou en La Voz de Galicia no verán do mesmo ano completan a edición.

Pola esquerda, Dolores Vilavedra, Manuel Puga, Abel Caballero, Carlos Fernández e Henrique Monteagudo. Fonte: Galaxia


O número 213 de Grial foi presentado onte na Casa Galega da Cultura nunha homenaxe a Carlos Casares na que interviñeron o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga; o coordinador da sección "Seis achegas a Carlos Casares", o académico Henrique Monteagudo; Carlos Fernández, Dolores Vilavedra e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Ao acto tamén acudiu o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, quen nas páxinas de presentación da revista explica que o obxectivo desde número é abordar a memoria de Carlos Casares "dende algunha perspectiva nova, enriquecedora, mesmo complementaria dos moitos estudos que se prevén nestas datas e algúns outros que xa se fixeron".

As páxinas especiais arrincan coa achega de Ricardo Gurriarán aos anos de formación de Carlos Casares. Xosé Ramón Quintana Garrido asina Compromiso de Carlos Casares. Do antifranquismo á democracia; Antón Baamonde, Carlos bifronte; Carlos Fernández, Casares, Grial e outras ledicias; Dolores Vilavedra analiza a súa singularidade literaria e Grial Parga céntrase no labor do protagonista do Día das Letras Galegas de 2017 como columnista.