Xosé Díaz, Carlos Valle, Xesús Alonso Montero e Miguel Anxo Seixas
O acto, celebrado no Museo de Pontevedra, contou coa presenza, entre outros, do secretario da Academia, Henrique Monteagudo; da académica de número, Fina Casalderrey e do presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella.
O presidente da Academia e moderador do acto, Xesús Alonso Montero, salientou na súa introdución a importancia do Día das Letras Galegas de 1964 dedicado a Castelao: "Naquel ambiente político verdadeiramente abafante, cando ninguén podía soñar sequera que un día se ían impartir clases de galego no ensino, a Academia, dirixida por Sebastián Martínez-Risco, botoulle un pulso ao poder".
Xesús Alonso Montero e Miguel Anxo Seixas
O historiador Miguel Anxo Seixas trazou na súa intervención un exhaustivo percorrido pola traxectoria vital e artística de Castelao, desde a constatación do seu talento natural para o debuxo amosado xa na nenez, ata a súa etapa na universidade compostelá, cando gaña sona como caricaturista e pretende encamiñar o seu futuro profesional cara ao humorismo, traballando primeiro como ilustrador para Vida Gallega e, máis tarde, para revistas ilustradas madrileñas.
De volta no seu Rianxo natal, relatou Seixas, Castelao non foi quen de gañar a vida exercendo o seu oficio de médico, e sufriu, ademais, unha doenza ocular que o obrigou a reconsiderar o seu futuro laboral. Finalmente, decide preparar as oposicións ao corpo de estatística, que gaña, establecéndose como funcionario en Pontevedra a partir de 1916. Neste tempo, Castelao pasa a se converter nun teórico da súa arte, que concibe máis como unha procura de verdade que como unha experiencia estética en si mesma, e entra en contacto cos membros do Grupo Nós ourensán, cuxa revista homónima pasa a ilustrar el mesmo.
Durante esta xeira, segundo Miguel Anxo Seixas, Castelao considérase a si mesmo un "inadaptado", un intelectual apolítico, elitista, virado cara ao pasado. Tamén é agora cando publica o primeiro álbum no que, mediante unha orixinal combinación literatura e pintura, inaugura a súa serie máis recoñecida: "A Cousa".
A toma de conciencia política e a militancia no Partido Galeguista dan paso a un novo período na estética castelaiana, empeza a publicar regularmente no El Pueblo Gallego, o que o converte nun personaxe moi popular e, coa chegada da Guerra Civil, publica os álbums Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos, "que, como ben definiu Carlos Valle, son o noso verdadeiro Guernica", concluíu Miguel Anxo Seixas.
Xosé Díaz e Carlos Valle
Seguidamente, tomou a palabra Xosé Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo, quen centrou a súa intervención na análise do Castelao ilustrador e deseñador. En palabras de Xosé Díaz, o rianxeiro cultivou todas as artes do oficio: a caricatura, a viñeta, a ilustración e mesmo o deseño tipográfico. Sobre esta última faceta, Díaz subliñou o seu parentesco cos tipos empregados nos códices capitulares medievais galegos, e lamentou que non fose formalizada para o seu uso industrial: "Galicia perdeu así unha oportunidade única para formar parte do mapa do deseño gráfico internacional".
Xosé Díaz destacou, así mesmo, como mostras do quefacer do rianxeiro no eido do deseño gráfico, o cartel para o xornal Galicia, a cuberta da revista Nós e o símbolo corporativo co que encabezaba as súas publicacións o Seminario de Estudos Galegos, e salientou a influencia do deseñador gráfico norteamericano Bill Bradley na súa concepción da arte da ilustración.
No que atinxe á valoración da súa modernidade, Xosé Díaz definiu a Castelao como un artista que "debuxa con retraso sobre as achegas das Vangardas europeas do seu tempo". Secasí, destacou tamén o carácter perdurable do legado artístico do rianxeiro: "Castelao concibía a arte como unha ferramenta política, un xeito de denunciar e transmitir os males que afectaban o pobo. Por iso empregou case sempre un estilo realista, porque consideraba que o realismo era o estilo mellor entendido e aceptado polo pobo".
"Este museo é a verdadeira casa de Castelao", empezou dicindo o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, quen analizou na súa quenda a relación entre o rianxeiro e o museo da cidade do Lérez. "Castelao era un namorado de Pontevedra, aquí viviu durante vinte anos, entre 1916 e 1936, foi membro do grupo de persoas que formaron o primeiro Padroado desta institución, e conservou esta condición mesmo entre 1936 e 1950, data da súa morte". Valle lembrou, asemade, que a exposición inaugural do Museo Provincial de Pontevedra, o 10 de agosto de 1929, contaba con once estampas de Castelao, "un fondo que foi ampliado co paso do tempo ata completar as dúas salas monográficas coas que conta hoxe en día".
Carlos Valle describiu, así mesmo, o proceso que permitiu que as obras de Castelao, incautadas polo réxime emanado do golpe do 36, non fosen vendidas en poxa pública e espalladas entre diversos propietarios, senón que fosen adquiridas, na súa totalidade, polo Museo de Pontevedra. Valle salientou a importancia do mecenado de Álvaro Gil no rescate destas obras no ano 51, polas que as irmás e a dona de Castelao serían compensadas posteriormente. O director do Museo rematou a súa intervención subliñando a importancia dos ensaios de Castelao sobre as cruces de pedra: "A magnitude do seu traballo neste campo aínda non foi seuperada".
As cruces de pedra na Galiza pódese consultar nesta ligazón.