En termos semellantes falou o alcade de Sarria, Claudio Garrido; a concelleira de cultura, Reyes Abella; o secretario xeral de política lingüística, Valentín García; e o fillo da autora, Darío Gil Arias. A exposición, comisariada polo xornalista Xulio Xiz, repasa a infancia de Xela Arias e a súa produción literaria, e recolle tamén testemuños da súa familia e palabras de homenaxe en recordo da autora, que este xoves faría 59 anos. Tras a inauguración en Sarria, percorrerá a provincia de Lugo e as principais vilas de Galicia, con atención especial aos centros docentes, bibliotecas e outros espazos culturais.
A celebración do aniversario de Xela Arias contou tamén coa colaboración de Eloi Caldeiro, que presentou as primeiras gravacións do disco Tigres en equilibrio, onde pon música a poemas da escritora que foron recitados por tres poetas novos: Sonia Arias, Elena López e Iago Arias.
A corporación municipal de Sarria aprobou ademais por unanimidade rotular unha rúa principal da vila co nome de Xela Arias, que será inaugurada proximamente, e programou actos culturais que se desenvolverán ao longo de todo o ano.
Na inauguración da mostra houbo referencia especial á memoria de Valentín Arias, pai de Xela Arias, natural de Vilerma; e mais a Amparo Castaño, da casa de Mouzós (Meixende) e de Nabás (Ortoá), que asistiu ao acto acompañada dos seus fillos e netos.
Hai algúns anos na casa de Vilerma a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colocou unha placa na que se le: “Aquí viviron a poeta Xela Arias (1962-2003) e o escritor Valentín Arias (1934-2011), que en cada un dos seus actos afirmaron o seu amor á nosa lingua”.