Salvador García-Bodaño, Medalla de Ouro e Fillo Adoptivo de Santiago de Compostela

O pasado 26 de decembro, a Corporación Municipal de Santiago de Compostela acordou, por unanimidade, concederlle a Medalla de Ouro da cidade e o título de Fillo Adoptivo da mesma ao autor de Tempo de Compostela.
Salvador García-Bodaño.
Salvador García-Bodaño.


Malia ter nacido en Vigo en 1935, Salvador García-Bodaño mantén unha estreita relación con Santiago de Compostela desde a súa etapa universitaria, cando se dá a coñecer como poeta nos Xogos Minervais organizados pola súa universidade, e pasa a formar parte activa da vida cultural, social e política santiaguesa. Así, a primeiros dos 60 promove, xunto con outros, a creación da Agrupación Cultural O Galo –entidade pioneira en Galicia entre as dedicadas ao activismo cultural de signo galeguista- participa na fundación do Partido Socialista de Galicia e centra en temas relacionados coa cidade santiaguesa boa parte da súa produción xornalística e literaria, coma o devandito libro Tempo de Compostela, Premio da Crítica española para poesía en lingua galega.

Na súa exposición e defensa desta proposta, o alcalde compostelán, Agustín Hernández, declarou: "Polo seu amor á cidade o Concello de Santiago cumpre coa xustiza e coa razón, outorgándolle a Salvador García-Bodaño as súas máximas distincións de Fillo Adoptivo e de Medalla de Ouro, en atención aos seus moitos méritos e capacidades".