Marilar Aleixandre, cun exemplar de 'Gallegan Provinces' na man, Alba Rodríguez Saavedra, Brais Lorenzo e Ana Cabana.
A Fundación Luis Seoane acolleu o terceiro encontro do Grupo de Traballo de Pensamento e Ensaio.
Pola esquerda, Ana Cabana, Marilar Aleixandre, Alba Rodríguez Saavedra e Brais Lorenzo.
Alba Rodríguez Saavedra sostén un exemplar de 'Gallegan Province' (1939), ata o momento non publicado en galego, e Marilar Aleixandre.
Alba Rodríguez Saavedra, autora de 'Ruth Matilda Anderson: tradutora das marxes', durante o seu relatorio.
O público seguindo a intervención de Alba Rodríguez Saavedra.
O público seguindo o encontro.
O fotoxornalista Brais Lorenzo durante a súa intervención.
O fotoxornalista Brais Lorenzo durante a súa intervención.
Un momento do coloquio co público.
A historiadora Ana Cabana durante a súa intervención.
Un momento do coloquio co público.
Ana Cabana e Marilar Aleixandre escoitando unha das intervencións do público.
A actuación de Cantigas e Agarimos púxolle o ramo á xornada.
O programa, apoiado polo Concello da Coruña, enmárcouse así no propósito do grupo de traballo da RAG que o promove. “Pretendemos contribuír aos discursos alternativos sobre Galicia, que poñan de relevo as potencialidades do país, as posibilidades de construír proxectos de vida. Buscamos superar discursos que contemplan Galicia unicamente como lugar que ser explotado polo extractivismo ou caracterizado de modo folclórico”, explica Aleixandre, a súa coordinadora.
Cantigas e Agarimos, agrupación fundada na Galicia dos anos 20 e que o ano pasado estreou un espectáculo dedicado a Anderson, foi a encargada de lle poñer o ramo á xornada celebrada este xoves cunha actuación na que interpretou varias pezas tradicionais.
A Rosalía combativa que desafiou o estereotipo da época
Tras décadas relegada dos estudos sobre a cultura e a historia contemporánea galegas, Anderson foi redescuberta en Galicia como fotógrafa, pero a conservadora da Hispanic Society de Nova York foi moito máis, advirte Alba Rodríguez Saavedra, quen puido acceder ao seu legado como tradutora dos proxectos expositivos que amosaron a esta beira do Atlántico unha escolma dun fondo que supera as 5.000 instantáneas. Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña (1939), froito da estadía da norteamericana en Galicia entre 1924 e 1926 coa encarga de retratar a esencia dun mundo tradicional que co avance da industrialización comezaba a esmorecer, constitúe un dos ensaios máis exhaustivo sobre a Galicia da época. Inclúe ademais a maior tradución ao inglés de Rosalía de Castro ata 1964, cando saíu do prelo o volume Poems ao coidado de Xosé Filgueira Valverde. Cal é o motivo, entón, da súa expulsión ás marxes?
“O de Anderson non é un discurso compracente co discurso canónico. Os nosos intelectuais máis sobranceiros do momento aparecen citados nas referencias bibliográficas pero están ausentes da parte principal do seu libro”, sinala Rodríguez Saavedra. “Ela apóiase basicamente en dúas escritoras galegas fundamentais: Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro, pola que sentía unha grande admiración. E escolmou nas súas traducións textos que rompían por todos os lados o estereotipo de Rosalía que xa estaba consolidado naquela época. Coido que parte da ocultación que sufriu ten que ver con este feito. A Rosalía que aparece en Ruth Matilda Anderson é unha Rosalía que reivindica as mulleres, que denuncia a opresión que sofren e que se mostra ademais retranqueira e sarcástica, non a mater dolorosa que dependía de Manuel Murguía”, detalla.
A lectura de Ruth Matilda Anderson da obra rosaliana ten correlato no seu legado fotográfico. E nestoutra subversión está, ao xuízo da Rodríguez Saavedra, outro dos motivos do esquecemento da autora. “Puxo a ollada nas mulleres que traballaban en todo tipo de labores e isto dalgunha maneira cuestiona a maneira en que foi contada a nosa historia oficial do primeiro terzo do século XX, que pon o foco na mecanización do traballo, que nin chegou por igual a todos os lugares nin chegou de ningunha das maneiras ás mulleres”, di.
“Amosou a potencialidade económica das mulleres”
“Ata que a historia das mulleres comeza a entrar no ámbito académico estatal coa fin da ditadura, o traballo feminino nin sequera era considerado. E no caso galego, onde ten que ver moito co rural, ficaba dobremente invisibilizado. Onde pensabamos que non estaban as mulleres, Ruth Matilda Anderson amósanos que si estaban”, contextualiza a profesora Ana Cabana, do grupo de historia agraria e política do mundo rural Histagra. Nunha Galicia na que os homes marchaban masivamente á emigración, a estadounidense retratou nenas, mozas e mulleres de máis idade desempeñando todo tipo de oficios e tarefas alén do ámbito doméstico. Leiteiras, carteiras a grupos, de mulleres puxando para sacar do mar as redes, cargando ladrillos... “Amosou e defendeu a súa potencialidade económica. Cando visita as palilleiras, fala delas como dunha industria. Ata entón ninguén as vira desa maneira. Anderson ten neste sentido unha visión moi pioneira. En vez de ver o traballo feminino como algo vergonzoso ou caer no estereotipo, ela viu o potencial e a importancia desa Galicia á marxe das cidades, que era masivamente das mulleres. Deulles valor”, resalta a profesora, que reivindica que cómpre deixar de falar de “pasar traballos” en referencia ás achegas das mulleres para empezar de “actividade laboral e de traballo non pagado e non recoñecido, que é o que pasaron as mulleres na historia de Galicia”.
Ana Cabana insiste neste sentido no valor da fotografía como fonte para facer historia das mulleres rurais, que deixaron un rastro moi diluído noutro tipo de documentos que adoitan manexarse para escribir a historia. “Cando miras a documentación, a elas sempre as contan outros. É un relato feito desde a outredade, algo moi propio dos grupos subalternos, que alguén fala por ti porque ti non tes voz”, explica.
Cen anos despois do proxecto de Ruth Matilda Anderson en Galicia, Habitar o baleiro pon o foco tamén nas aldeas. O propósito deste proxecto multiplataforma, no que as fotografías de Brais Lorenzo dialogan cos textos de compañeiras e compañeiros, é contar e documentar unha forma de vivir que esmorece, mais tamén a nova que vai emerxendo en distintos recantos das provincias de Ourense (de onde Lorenzo é natural) e Lugo, en núcleos illados e que sofren en maior medida o despoboamento. “Interésannos as consecuencias que o abandono do rural ten, por exemplo, no medio ambiente, pero tamén queremos amosar o lado esperanzador e o que agroma, esas novas formas de habitar o rural en Galicia”, destaca o fotoxornalista, recoñecido co último World Press Photo por Terra queimada, a reportaxe que realizou sobre a vaga de incendios en Galicia do pasado verán.
Unha cousa e a outra seguen a significar en boa medida, coma nos tempos de Anderson, poñer a mirada nas mulleres. “É natural que sexa así, non só pola maior esperanza de vida feminina, senón porque as mulleres seguen a ser o sostén do rural. Atenden o gando e a terra, e son tamén coidadoras, porque moitas veces son elas, mulleres entre os corenta e os cincuenta anos, as que se fan cargo das nais e pais, xa que en moitas ocasións hai servizos que non chegan ao rural”, expresa.
Mulleres nadas en Galicia e, cada vez máis, tamén mulleres migrantes que chegan doutras latitudes. Mulleres que á procura dun futuro propio tamén crean futuro colectivo. Mulleres retradas por Lorenzo coma Natalia, apicultora da Ulloa; María José, que volveu á casa familiar de Silleda para crear unha empresa que vende froita deshidratada; ou Luz, que fundou en Negueira de Muñiz unha cooperativa de conservas ribeiregas. Mulleres unhas e outras que, coma nun dos poemas de Rosalía que traduciu Anderson, non cantan ás pombas e ás flores.


