O pleno do Consello da Cultura Galega votou favorablemente a candidatura de Rosario Álvarez, a única presentada tras a finalización do mandato do catedrático de Historia Contemporánea da USC, segundo informou a propia institución, onde a nova presidenta xa ocupaba a vicepresidencia desde 2010. Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) definiu o seu proxecto como de "continuidade, non continuísmo" e como unha etapa con "novo pulo, novos retos e novos modos".
A académica ocupou distintos postos de responsabilidade ao longo da súa carreira. Foi vicerreitora de profesorado da USC e directora do Departamento de Filoloxía Galega e do Instituto da Lingua Galega da mesma universidade, e como membro da RAG foi tesoureira entre 2013 e 2017. No eido investigador, os seus traballos céntranse na gramática descritiva da lingua galega, no cambio lingüístico e na edición de textos do galego medio e da etapa previa ao Rexurdimento.