Ribadeo nomea a Luz Pozo Garza filla predilecta

Luz Pozo Garza é dende o pasado sábado filla predilecta de Ribadeo. O concello onde naceu en 1922 rendeulle homenaxe nun acto celebrado no salón de plenos da localidade luguesa, onde a escritora e académica pasou tamén os primeiros anos da vida antes de marchar en 1930 a Viveiro. "Ribadeo é a miña terra natal, medra comigo, vive comigo e morre comigo", agradeceu a autora.

Luz Pozo Garza detívose nos sete anos que viviu en Ribadeo, primeiro na rúa de San Roque e despois nunha casa de campo, e lembrou momentos compartidos coa súa familia e veciños e veciñas. A concelleira de Cultura, Pilar Otero Cabarcos, foi a encargada da loanza da homenaxeada. "Eses poucos anos que Luz Pozo residiu en Ribadeo foron suficientes para ter ese sentimento de pertenza e apego pola nosa vila, como deixa ben claro cada vez que ten oportunidade e ao longo de toda a súa obra", salientou a edil. A súa é unha poesía "inzada de sensualidade profunda, na cal o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade e mesmo a morte se entrecruzan compondo textos de sublime autenticidade e madurez", proseguiu tomando prestadas as palabras da tamén académica Rosario Álvarez.

O alcalde, Fernando Suárez, pechou o acto definindo a escritora como "unha persoa adiantada aos seus tempos, un faro nunha sociedade escura e moi hipócrita tamén". "Temos a impresión de acharnos diante dunha vellez luminosa, unha vellez que quereriamos para nós e para os nosos. Luz, benvida de novo á túa casa", concluíu.