Remeiro son
 Quixera racha-la auga como un vidro,
 fuxindo de todo o que apodrece
 no fondo da cobiza.
 Quixera racha-los peitos
 dos monstros que aínda petan
 nas portas das casas onde aniñan
 as facianas dos nenos
 famentos da verdade do soño e das surrisas.
 Quixera racha-las ameazas
 dos que medren co cheiro da calunia
 e ao lombo levan cen máscaras de espellos.
 Quixera ollar seráns escurecidos
 sen sombras incertas, sen feridas,
 co recendo sinxelo de homes ceibes
 que aínda non morreron.
 Canle do meu río,
 suor do rosto humán do pensamento:
 Son remeiro que ergo o remo na memoria
 co meu cabelo solto,
 i o corazón carregado de relembros.
 
 Inútil é a lenda
 do heroe que se esquence.
 Inútil a embestida
 da espranza dando voltas
 no ardís da bulra da imaxe que non chega.
 Os deuses non teñen calivera.
 Están xordos e cegos.
 ¡Ou, Hamlet!
 Deus Padre sen memoria,
 sen raigañas,
 morto no tempo.
Nova escolma ferida (Ediciós do Castro, 1988)
 
 



