Recordando a poeta das Mariñas

A asociación Irmáns Suárez Picallo, a Asociación Lisístrata, o Concello de Bergondo, a veciñanza da parroquia de Moruxo e dos arredores e o párroco Rubén Aramburu recordaron este 26 de xullo a Filomena Dato cunha ofrenda floral e lecturas de textos da súa autoría. O acto, no que tamén houbo unha representación de Ana Hermida e actuaron os Gaiteiros de Bergondo, tivo lugar no camposanto de Moruxo. A escritora e académica correspondente, nada en Ourense en 1856 e finada na Coruña aos setenta anos, está enterrada neste cemiterio.

Ana Hermida, da Asociación Lisístrata, interpretando poemas de Filomena Dato. Fonte: @ConcelloBergondo


No acto repartiuse un folleto que recorda a figura de Filomena Dato. Máis adiante, o vindeiro mes de febreiro, cadrando co aniversario do seu pasamento, está previsto descubrir un busto que faga perdurar o seu papel en Bergondo. Nesta nova homenaxe colaborará a Real Academia Galega, institución da que foi membro correspondente a "poetisa das Mariñas", en palabras de Alejandro Pérez Lugín. A escritora, figura destacada da denominada literatura feminista a cabalo entre os séculos XIX e XX, formou parte da RAG desde a súa fundación, no ano 1906.


@ConcelloBergondo