
O alumnado arxentino, acompañado polas profesoras Macarena Fuentes e Gabriela Rilla, leva dúas semanas percorrendo Galicia e coñecendo o seu patrimonio cultural e histórico, ademais de institucións como a Fundación Penzol, a editorial Galaxia, o Consello da Cultura Galega ou a Deputación da Coruña. Visitaron tamén lugares como as Rías Baixas, o mar Cantábrico, a Costa da Morte ou Santiago de Compostela. O encontro rematou cunha peza do grupo Tanxugueiras interpretada e bailada polo alumnado deste centro bonaerense comprometido na conservación e transmisión da cultura galega.
