O académico Ramón Villares recolleu o pasado sábado o Premio Trasalba 2026 da Fundación Otero Pedrayo, que recibiu en recoñecemento aos "moitos anos que leva dedicado a investigar o esteo da Xeración Nós como historiador e xeógrafo". O galardoado referiuse no seu discurso ao autor ourensán como "unha constante inspiración para interpretar Galicia e a súa historia". "Converteuse co paso do tempo nun guía intelectual para estudar o pasado", engadiu o director da Sección de Historia da Real Academia Galega.
Momento da entrega do Premio Trasalba 2026 a Ramón Villares ( Fundación Otero Pedrayo)
O acto celebrouse no pazo do lugar de Cimadevila que pertenceu a Otero Pedrayo, na parroquia de Trasalba do concello ourensán de Amoeiro, hoxe sede da fundación que preserva o legado do autor. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, presidente de honra da fundación, participou nunha celebración na que a tamén académica Rosario Álvarez foi a encargada da laudatio ao homenaxeado. "Ramón Villares foi ó encontro de Adrián Solovio e quedou atrapado para sempre", sinalou a filóloga sobre o profesor.