Ramón Nicolás e Cristina Pato, entre os membros do xurado do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

O académico correspondente Ramón Nicolás formará parte do xurado que avaliará as obras que se presenten, ata o vindeiro 29 de setembro, ao IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. O proxecto As Letras de Florencio contará tamén no xurado coa música Cristina Pato, a profesora da Universitat de Barcelona María Xesús Lama, a poeta e activista cultural Antía Balvís, o divulgador Emilio Veiga e a poeta Eilún del Pazo, gañadora da anterior edición do premio.

As persoas que desexen participar no certame poden presentar ata o xoves 29 de setembro poemas inéditos de entre 15 e 90 versos. Todos os detalles da convocatoria poden consultarse na páxina web do proxecto As Letras de Florencio.

A obra gañadora darase a coñecer nunha gala que se celebrará a finais de outubro no teatro Lauro Olmo do Barco. O autor ou autora recibirá un premio único de 3.000 euros.