A partir da listaxe das cincuenta palabras máis buscadas no Dicionario en liña da RAG no ano 2017, profundan nos distintos usos desta ferramenta, dispoñible na páxina web da institución, a través do Portal das Palabras e tamén nas aplicacións para dispositivos móbiles. A busca do significado dun termo para poder descodificar correctamente un texto ou un discurso oral é habitual, "pero cada vez máis o Dicionario é empregado tamén con outras finalidades": dende resolver dúbidas ortográficas ou buscar sinónimos e antónimos ata coñecer a realización fonética dun termo, xa que as entradas do DRAG inclúen a gravación da súa pronuncia, ou a alternancia vocálica na conxugación dun verbo. Estas posibilidades múltiples contribúen ao continuo crecemento no seu uso, que en 2019 superou as 70.000 procuras diarias de media.
Da homonimia ao xénero
A homonimia —a relación entre palabras de significado diferente que coinciden na pronuncia ou na grafía— explica así que o verbo máis buscado no período analizado fose botar, e tamén que votar se situase entre as cincuenta voces máis consultadas. Botar non ten ademais correspondencia no castelán, polo que non é estraño que persoas sen certa familiaridade co galego busquen o seu significado, engaden os autores.
O acento diacrítico que distingue o adverbio, substantivo ou adxectivo só da preposición so, o adverbio fóra fronte á forma verbal do verbo ir ou do verbo ser fora, ou o adverbio, indefinido ou substantivo máis da conxunción adversativa mais, é o motivo polo cal estes lemas figuran tamén entre os máis procurados; mentres que as dúbidas sobre o xénero explican o elevado número de buscas que rexistran igualmente as palabras labor e personaxe.
O déficit de coñecemento do léxico galego entre persoas educadas en castelán provoca tamén que sexan habituais as buscas daquelas palabras que non teñen un equivalente claro no castelán actual. É o caso de afouteza, teimudo, sapoconcho ou chimpín. Pero por que se dispara nun momento determinado o número de consultas sobre voces coma estas? "Porque hai un factor esóxeno ao propio coñecemento lingüístico da comunidade que o provoca", responden os expertos.
"O factor sen dúbida determinante é que a palabra estea máis exposta e máis visible na sociedade, e isto determínao fundamentalmente a súa presenza nos medios de comunicación social, xeralmente como consecuencia dalgún feito ou dalgunha circunstancia que causa un certo impacto e que se difunde socialmente", abundan os filólogos. Afouteza foi, de feito, a palabra máis buscada no Dicionario no ano 2017 cadrando co seu uso nunha campaña de captación de socios do Celta de Vigo, o que contribuíu tamén a que se convertese na Palabra do Ano na elección popular promovida polo Portal das Palabras. Teimudo chegou ao posto 24 tras a súa inclusión noutra campaña publicitaria, sapoconcho foi un dos termos máis procurados durante semanas tras pronuncialo o concursante dun programa televisivo de ámbito estatal e chimpín, que ocupou o posto 19, repetiuse nos medios sobre todo para falar do Chimpín de Prata que se concede no Festival de Cans.
Uso escolar e da mocidade
Alén do uso nos medios, outro factor externo "tamén moi importante" é a presenza destacada dunha palabra na escola, "por estar presente nalgún texto ou material de traballo e, sobre todo, por estar presente nos exercicios escolares". "Esmorga é unha palabra con alta presenza nas aulas de literatura galega porque dá título a unha importante novela de Eduardo Blanco Amor. Dado que se trata dunha voz que reflicte aspectos da nosa etnicidade, con significados non transparentes e descoñecidos nunha gran parte do territorio galego, non é estraño que moitos alumnos e lectores acudan ao dicionario", explican Manuel González González e Begoña González Rei.
O uso lúdico do dicionario que sempre existiu na infancia e na pubertade parece explicar ademais boa parte das consultas tanto de termos escatolóxicos como doutros relacionados coa sexualidade. A súa aparición na listaxe das dez palabras máis buscadas da semana produce ademais un "efecto chamada" que axudou de maneira considerable á permanencia durante moitas semanas consecutivas dalgunha destas voces na cabeza das buscas, apuntan os autores.