Publicados os microrrelatos premiados pola RAG e PuntoGal

As historias gañadoras do IV Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal xa poden lerse no volume dixital dispoñible na sección de publicacións de academia.gal e en relatos.gal. Os nove contos de ata 200 palabras foron elixidos polos membros do xurado de adultos e das categorías infantil e xuvenil entre os preto de 1.600 presentados a esta edición, máis do dobre ca na anterior.

Na modalidade de adultos, a gañadora do primeiro premio é unha historia de 128 palabras escrita por Paloma de Toro González (Ourense, 1985). O segundo premio recaeu nun conto de Luca Chao Pérez (Lugo, 1988) e o terceiro, nun relato de María Cabaleiro Alfaya (Tui, 1993).

Na categoría xuvenil, a gañadora do primeiro premio é a ourensá Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003), estudante do IES Eduardo Blanco Amor. Nayara Alonso Barredo (Vigo, 2004), alumna do IES Álvaro Cunqueiro, e Lucía Álvarez Puga (Vigo, 2004), estudante do mesmo centro, gañaron o segundo e o terceiro, respectivamente.

Álex Gallego Couñago (2010), alumno do CEIP Manuel Padín Truiteiro de Arcade, foi recoñecido co primeiro premio da categoría infantil e Niara Cabreirizo Collazo (Moaña, 2013), alumna do CEIP de Seara, e Carmen Mendaña Vázquez (Santiago de Compostela, 2011), do CEIP das Fontiñas, co segundo e co terceiro.

A Real Academia Galega e PuntoGal agardan realizar a entrega presencial dos premios nas vindeiras semanas.