González Herrán, Casares Long, Alonso Montero e Blanco Valdés
Este libro, que recolle as impresións da viaxe por Francia, Italia, Suíza e Austria realizada por Emilia Pardo Bazán na compaña dos seus pais en 1873, é considerado a primeira obra de formato longo escrita pola autora de Los Pazos de Ulloa, que contaba entón vinte dous anos de idade.
No acto de presentación, celebrado o 9 de abril no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, participaron o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; o reitor da USC, Juan Casares Long; o director do Servizo de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés e o editor literario da obra presentada, o catedrático de Literatura Española, José M. González Herrán.
Na súa intervención, o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, salientou as virtudes literarias que fan desta obra de mocidade de Pardo Bazán un anticipo do talento para a narrativa que a autora ha desenvolver nas súas creacións de madurez. Alonso Montero gabou, ademais, o coidadoso labor de edición feito por González Herrán, así como a utilidade da súa introdución e notas aclaratorias.
Na súa intervención, o catedrático González Herrán destacou o valor desta obra de xuventude Pardo Bazán no que a autora describe -alén dos lugares, paisaxes e monumentos que visita- as xentes que vai atopando, os seus costumes e forma de vida, achegando, deste xeito, unha testemuña do seu proceso de formación intelectual e ideolóxico.
A obra Apuntes de un viaje. De España a Ginebra (1873),publicada en formato aberto e que inclúe o manuscrito orixinal da pluma de Pardo Bazán, pódese descargar aquí.