Rosario Álvarez, Axeitos Agrelo, Adolfo Muíños, Xosé Luís Barreiro Rivas, Carlos Mella e Henrique Monteagudo
O acto, celebrado no Auditorio de Rianxo, contou coa presenza, entre outros, do secretario e a tesoureira desta institución, Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez; do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; do membro de número da Academia, Xosé Luís Axeitos; do membro correspondente Francisco Cerviño e dos profesores Xosé Luís Barreiro Rivas, Carlos Mella e Miguel Anxo Seixas.
"A Academia non precisa xustificar unha homenaxe a Castelao", empezou dicindo Rosario Álvarez, quen lembrou, secasí, a coincidencia neste 2014 de tres importantes efemérides relacionadas co político rianxeiro: os oitenta anos do seu ingreso na Academia, os sesenta da publicación do Sempre en Galiza e os cincuenta da celebración do Día das Letras Galegas na súa honra, en 1964.
"Que pensaría Castelao do momento histórico que vivimos hoxe?" Empezou preguntando o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, antes de dar paso á exposición dos relatorios, e respondeu: "Sen dúbida, non estaría satisfeito con esta situación, nin coa alarmante perda de persoas galego falantes, da que vén de informarnos o Instituto Galego de Estatística nestas datas, nin tampouco cos problemas da nosa flota pesqueira para asegurar o seu futuro".
"Castelao e Rosalía de Castro son as dúas figuras máis importantes para entender a Historia da Galicia contemporánea, e non só polo que deixaron escrito, senón, sobre todo, pola súa capacidade para chegar ao pobo e conformar unha idea de Galicia que segue hoxe vixente", deste xeito principiou a súa intervención o profesor Xosé Luís Barreiro Rivas, quen ilustrou, a seguir, mediante unha táboa cronolóxica, a evolución ideolóxica de Castelao, desde a súa primeira militancia conservadora, ata a súa conversión final en figura icónica da lexitimidade republicana galega no exilio. "Se quixeramos estudar a evolución do pensamento nacionalista galego desde a última década do XIX ata mediados do XX, atoparíamos teóricos que puideron ser máis importantes ca el desde o punto de vista do estudoso das ideas: Aureliano Pereira, Brañas, Risco, Vilar Ponte ou Lois Porteiro. Pero se queremos valoralos pola súa capacidade para facer pasar esas ideas ao pobo, nese punto, Castelao supéraos a todos", sinalou Barreiro Rivas, quen rematou a súa alocución definindo o rianxeiro como un clásico cuxa obra conserva a súa actualidade tempo despois de ser escrita.
O membro de número da Academia, Xosé Luís Axeitos Agrelo, centrou a súa intervención na análise da relación entre Castelao e o seu Rianxo natal. Logo de recoñecer as dificultades para recoller nunha biografía un personaxe da envergadura histórica de Castelao, Axeitos Agrelo pasou revista a certos aspectos da historia de Rianxo decisivos na súa formación política e intelectual, como as tensións entre as diversas faccións caciquís que repartían o poder por quendas durante a Restauración, ou o estreito vencello mantido entre os Castelao e o seus veciños de porta, os Dieste. Sobre este particular, o membro de número da Academia explicou o súbito distanciamento entre Castelao e Rafael Dieste a raíz da ruptura da relación de noivado que mantiña o primeiro coa irmá do segundo, Olegarita, e que Axeitos Agrelo atopa descrita de xeito ficticio na obra da escritora coruñesa Elena Quiroga, La enferma. "Pero se quixeramos sintetizar nun só xesto o aprecio que o pobo de Rianxo sentía por Castelao, debemos lembrar que o himno por excelencia deste pobo, "A Rianxeira", foi composto e cantado por paisanos seus para recibilo en Bos Aires en 1947, cando el volve a esa cidade desde París".
"Castelao foi home de vida airada", empezou sinalando o profesor Carlos Mella, e proseguiu: "Tocoulle vivir un tempo histórico moi convulso, estivo a punto de perder a vista, sufriu o exilio, a enfermidade, o esquezo… e aínda así, parece difícil concibir como deu feito todo o que fixo nunha soa vida". Segundo Carlos Mella, Castelao rexeitaba as visións líricas de Galicia porque era consciente de que eran un xeito de agochar a realidade dun pobo asoballado, que fracasara na tarefa histórica de completarse a si mesmo. Carlos Mella salientou, así mesmo, a extensión e profundidade dos coñecementos do político rianxeiro: "Sen ser un economista, deixounos unha visión moi atinada da vida económica galega, a dunha realidade moi singular no contexto español que, por tanto, precisaba dun autogoberno para dar conta desta problemática específica".