Presentación do programa 'Pioneiros' de PuntoGal

A Asociación PuntoGal presentou os 93 primeiros enderezos virtuais que estrearán o dominio galego a partir do vindeiro 25 de xullo.
Darío Janeiro, Edita de Lorenzo, Manuel González e Camilo Regueiro
Darío Janeiro, Edita de Lorenzo, Manuel González e Camilo Regueiro


O acto tivo lugar no Museo do Pobo Galego e contou coa presenza, entre outros, do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O presidente da Asociación PuntoGal e membro de número da Academia, Manuel González, logo de salientar a crecente importancia de Internet na sociedade actual, comentou: "Os participantes neste programa son pioneiros de algo tan importante como que neste medio revolucionario que condiciona as nosas vidas Galicia teña o seu propio carné de identidade, que a lingua galega teña visibilidade".

Manuel González destacou, así mesmo, o apoio unánime do Parlamento Galego á iniciativa promotora do dominio .gal, e , tras agradecer o compromiso amosado polas 93 primeiras entidades pioneiras no seu uso, informou tamén sobre o nomeamento da profesora Edita de Lorenzo como directora xeral da Asociación PuntoGal, co fin de atender as novas necesidades derivadas de xestión do dominio galego que, a partir de decembro, estará aberto a todo o público que queira dispor del.

No transcurso do acto foron presentadas, ademais, as 93 primeiras entidades -entre empresas, organismos públicos, asociacións culturais, cívicas e políticas- que empregarán o dominio galego na Rede a partir do 25 de xullo, entre as cales estará a Real Academia Galega que pasará a denominarse academia.gal.

Para ampliar información sobre o proceso de inscrición no dominio .gal pódese consultar esta páxina.