Presentación de 'Xosé Filgueira Valverde. O noso Adral'

O volume, unha colectáneas de artigos de Filgueira Valverde reunidos e editados por Xesús Ferro Ruibal, será distribuído entre os lectores de La Voz de Galicia o vindeiro domingo, 17 de maio.
Xesús Ferro Ruibal, Santiago Rey Fernández-Latorre, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Vilela e Fernando Filgueira Iglesias
Xesús Ferro Ruibal, Santiago Rey Fernández-Latorre, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Vilela e Fernando Filgueira Iglesias


A presentación, celebrada no salón de actos da Academia, contou coa presenza, entre outros, do presidente desta institución, Xesús Alonso Montero; da presidenta de Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; do presidente da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, Santiago Rey; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Besteiro; do director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela; do fillo de Filgueira Valverde, Fernando Filgueira, ademais de numerosos membros de número da Academia, familiares de Filgueira Valverde e figuras da cultura galega.

O volume presentado recolle un total de 24 artigos publicados orixinalmente por Xosé Filgueira Valverde no xornal coruñés, seleccionados e editados polo membro de número da Academia, Xesús Ferro Ruibal, quen é autor, ademais, dun limiar introdutorio sobre a figura e a obra do autor pontevedrés, quen foi descrito por Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia, como "un erudito e un divulgador da historia de Galicia que forma parte hoxe tamén da nosa historia".

Pola súa parte, o editor do monográfico, Xesús Ferro Ruibal, logo de enumerar as abondosas achegas do intelectual pontevedrés á nosa cultura concluíu: "Filgueira Valverde traballou arreo toda a súa vida para que teñamos hoxe ciencia e conciencia de Galicia, para elevar a nosa estima e coñecemento de nós mesmos".

Autoridades asistentes ao acto
Representantes políticos asistentes ao acto