Un momento da presentación do libro, na que participaron o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o académico Xesús Alonso Montero. Fonte: Parlamento de Galicia
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e Xesús Alonso Montero participaron na presentación do volume no Pazo do Hórreo, no marco dunha visita da presidenta do lexislativo da rexión autónoma dos Azores á Cámara galega, María Luísa Pereira Luís.
Viaxe á illa do Corvo publicouse inicialmente en 1926 como parte dun volume máis amplo titulado As Ilhas Desconhecidas. Notas e Paisagens, no que Raul Brandão narra o seu periplo polo arquipélago luso. Esta obra foi unha contribución esencial no seu momento para o coñecemento dos Azores e hoxe segue a ser unha das imprescindibles da literatura de viaxes portuguesa.
A visita da presidenta da Cámara dos Azores prodúcese tras a presenza na súa rexión, en xullo de 2016, de representantes da RAG, o Parlamento de Galicia e a Xunta de Galicia co gallo da celebración do cuadraxésimo aniversario da autonomía do arquipélago. Daquela a delegación galega presentou a edición facsímile da "ediçao polyglota" de 1894 de "Zara", traducido a 48 linguas, entre elas o galego a través Curros Enríquez.