Manuel Bragado, Xosé Fernández Ferreiro, Xulia Santiso e María Xosé Queizán
Á presentación da obra asistiron, ademais da propia autora, o académico Xosé Fernández Ferreiro; o editor Manuel Bragado e a directora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso.
"A cultura galega dos últimos cincuenta anos sería outra sen María Xosé Queizán", deste xeito resumiu o director de Xerais, Manuel Bragado, a importancia da autora viguesa nas nosas Letras, e engadiu: "Obras como A orella no buraco, de 1965, marcaron un fito na nosa literatura, e o mesmo pode dicirse de publicacións como Festa da palabra silenciada, que celebra nestas datas o seu trinta aniversario, e que constituíu un verdadeiro motor cultural na conformación dun pensamento colectivo a prol da igualdade entre o xéneros.
María Xosé Queizán
En palabras de María Xosé Queizán, "Emilia Pardo Bazán reflectiu con naturalismo os aspectos máis sórdidos da sociedade do seu tempo". Unha visión descarnada da realidade que incluía o retrato de aspectos adoito esquecidos ou silenciados, como a vida cotiá da muller traballadora na industria -La Tribuna-, a violencia machista ou a decadencia da fidalguía rural galega reflectida nas páxinas de Los Pazos de Ulloa.
Pardo Bazán foi tamén, segundo manifestou María Xosé Queizán, unha pioneira no que se refire á vindicación da igualdade de dereitos entre o home e a muller: "Para Dona Emilia, a educación que se lles impartía ás mulleres no seu tempo non era tal educación, senón doma, pois o que lle aprendían era a ser submisas e obedientes cos seus maridos". Unha reclamación, compartida con Concepción Arenal, que incluía ademais a apertura ás mulleres das aulas da universidade que entón lles estaban vedadas.
Para María Xosé Queizán, en definitiva, estes aspectos tornan Dona Emilia nunha autora feminista, comprometida na extensión do legado igualitario recibido da Ilustración, insubmisa perante certos mandatos recibidos da Igrexa e situada ideoloxicamente na esquerda: "Pardo Bazán púxose á beira das clases sometidas e non omitiu nunca a crítica aos que teñen o poder".