Henrique Monteagudo, vicesecretario da RAG e coordinador do Seminario de Sociolingüística; Gabino Vázquez-Grandío, técnico do mesmo seminario; e Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística de Ames, intervirán nun acto no que falarán da experiencia directa nos colexios e entre as familias Enrique Gil Gil, coordinador do EDLG do CEP de Ventín; Javier Cacheiro López, presidente da ANPA do mesmo colexio; Alonso Barreiro Caxade, director do CEIP de Barouta; e Mª. Carmen Liñares Liñares, directora do CEIP Agro do Muíño.
A experiencia de compromiso lingüístico desenvolveuse durante tres semanas (dende o 27 de febreiro ata a semana pasada) na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, as escolas unitarias de Covas e da Igrexa e os colexios de Barouta, A Maía, Ventín e Agro do Muíño. A iniciativa inspirouse en 21 días co galego, pero vai máis alá ao se adiantar ás primeiras etapas educativas e implicar, por primeira vez, os colexios dun mesmo concello a un tempo e estenderse ao conxunto de actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local.
O programa incluíu estratexias para promover o compromiso lingüístico non só do alumnado e do profesorado, senón tamén das familias e do monitorado dos servizos complementarios e outros traballadores e traballadoras dos centros educativos.
A RAG e o Concello de Ames continuarán a desenvolver outras iniciativas nos vindeiros meses dentro de Modo galego, actívao!, que pretende servir de experiencia piloto replicable e extensible noutros concellos. Con este programa ambas as institucións pasan do diagnóstico á acción, dándolles continuidade ás investigacións do Seminario de Sociolingüística neste municipio que se reflectiron nos publicacións A lingua no CEIP Agro do Muíño (2018) e Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2020).
Esta última investigación detectou unha perda do 10 % de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo, na etapa infantil. Esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata cifras extremadamente preocupantes: na secundaria só o 11 % do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77 % de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües.