Pontevedra inmortaliza no seu mapa o recordo de María Victoria Moreno

A avenida María Victoria Moreno é xa unha realidade no mapa de Pontevedra. Desde o 28 de abril, as placas co seu nome locen en substitución das que recordaban o ministro franquista José María Fernández Ladreda, de acordo co cambio aprobado pola corporación municipal por unanimidade o pasado mes de marzo. A cidade na que estableceu o seu fogar tamén quixo recordala coa instalación dunha placa ás portas do edificio onde viviu, o número 15 da avenida de Vigo, que foi inaugurada o 1 de maio.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, intervén na inauguración da avenida María Victoria Moreno. Fonte: Concello de Pontevedra


O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou a semana pasada no acto institucional de inauguración da avenida María Victoria Moreno, unha importante vía da cidade, e onte tamén estivo presente no descubrimento da placa ás portas da súa casa, xunto a representantes do Concello de Pontevedra, veciñanza e a familia de María Victoria Moreno. Con este cambio, o consistorio cumpre coa Lei de memoria histórica e inmortaliza na guía de rúas a memoria dunha veciña ilustre nas vésperas do Día das Letras Galegas a ela dedicado.

A escritora e docente viviu sempre na avenida de Vigo, primeiro nun edificio próximo e finalmente no número 15. Desde onte, unha inscrición recorda que aí estivo o seu fogar. Na placa reprodúcese a súa sinatura e indícase tamén a súa condición de personalidade protagonista da 56 edición do Día das Letras Galegas.


O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, acompañou os representantes municipais, a veciñanza e a familia de María Victoria Moreno no descubrimento da placa instalada ás portas da súa casa. Fonte: Concello de Pontevedra