Valentín Paz Andrade (Lérez, Pontevedra, 1898 - Vigo, 1987), licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1921 e foi durante a súa etapa de estudante cando se achegou ao movemento galeguista, participando na II Asamblea Nacionalista de Santiago de Compostela (1919). Era director do xornal Galicia en 1926, cando foi pechado pola ditadura de Primo de Rivera. Presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 xunto con Castelao e Ramón Cabanillas, colaborador da redacción do anteproxecto de Estatuto de Galicia presentado polo Seminario de Estudos Galegos (1931) e membro activo do Partido Galeguista.
Durante a Guerra Civil axudou a fuxir e defendeu a moitos intelectuais galeguistas. Por causa da súa actividade política e da publicación dalgúns artigos foi detido en diversas ocasións.
As súas colaboracións foron frecuentes nos xornais El Pueblo Gallego, Faro de Vigo e La Noche, onde aparecían asinadas cos pseudónimos M., Xan Quinto e Mareiro. Desde 1945 xuntábase no café Alameda, de Vigo, con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del Riego, os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, entre outros, para falaren e debateren.
A súa preocupación polo progreso e o avance de Galicia obsérvase nos seus diversos escritos literarios, históricos e económicos: Galicia como Tarea (1959), La anunciación de Valle-Inclán (1967), La marginacíón de Galicia (1970), Castelao na luz e na sombra (1982) ou Galiza lavra a sua imagem (1985).
Da súa faceta poética temos achegas como Pranto matricial (1954), Sementeira do vento (1968), Cen chaves de sombra (1979) ou Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1985).
Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1964 e numerario desde 1978, cando deu lectura ao preceptivo discurso titulado A galecidade na obra de Guimarães Rosa, que foi respondido en nome da institución por Álvaro Cunqueiro.
Para máis información ver a páxina de Valentín Paz Andrade na sección Día das Letras.