Os primeiros premios "Hai unha voz" recoñecen a Marilar Aleixandre xunto a Rexina Vega e Esther Carrodeguas

A académica Marilar Aleixandre é unha das tres autoras galardoadas na primeira edición dos premios "Hai unha voz", promovidos pola Deputación de Pontevedra e a asociación Clásicas e Modernas co propósito de visibilizar o talento feminino na cultura e a pegada das mulleres na literatura. A arquiveira bibliotecaria da RAG foi recoñecida polo xurado xunto á escritora e investigadora Rexina Vega e a dramaturga e poeta Esther Carrodeguas.

A entregados galardóns celebrarse este venres, 23 de xuño, na Sala Rosalía da sede provincial en Vigo a partir das 19:30 horas. O acto será presentado pola poeta Silvia Penas, a actriz e directora Mariana Carballal e a escritora Isabel Blanco, integrantes do Manifesto de Soutomaior, ao abeiro do cal se creou o novo premio.

O xurado destacou a traxectoria de Marilar Aleixandre, “sempre traballando a favor da lingua, da literatura galega e desde un punto de vista ético e feminista”. Un claro exemplo destas constantes é a novela As malas mulleres, distinguida co Premio Nacional de Narrativa que concede o Ministerio de Cultura. A obra recolle a memoria das mulleres recluídas no cárcere coruñés da Galera e rescata o labor de Concepción Arenal e Juana de Vega para dignificar a vida das presas.