O Concello da Coruña e as librarías Xiada, Moito Conto e Formatos colaboran tamén con esta proposta impulsada por unha asociación de barrio que fai xusto neste 2026 medio século de vida. De acordo co veredicto do xurado composto por Ana Santomé, Mercedes Sierra e José Manuel Pampín, no acto que acolleu este mediodía a Fundación Luis Seoane entregaron os galardóns da categoría de persoas adultas concedidos ao coruñés Xosé Nieto Castro, por “Ollos verdes de azor”; e a Marta Santomé Malvido, veciña de Culleredo, por “A falta”. David Otero, da Coruña, recibiu o diploma de mención honorífica por “ O lecer do lume”.
Xosé Nieto Castro, licenciado en Historia, salienta o seu gusto pola ciencia ficción e mais a fantasía medieval, que dalgún xeito deixa rastro no seu conto, de 990 palabras. É o seu segundo premio neste certame, tras se facer co galardón de 2022. Marta Santomé Malvido, educadora infantil de profesión, comparte o gusto pola lectura e a escritura, sobre todo de contos e poesía dirixida á rapazada, aínda que o premio que recolleu no seu nome o seu cuñado corresponde a un relato para un público de máis idade sobre a perda irreparable. David Otero optou por unha historia a modo de poema épico, de acordo co seu gusto por xogar con xéneros e temáticas. Para el este certame é o “impulso perfecto” para, cando menos unha vez ao ano, facer “este moi recomendable exercicio” da escritura.
Canto aos premios para persoas menores de idade, as gañadoras son Sofía Fernández Fernández, alumna de IES Fontem Albei da Fonsagrada, por “O rural sen nenos”, unha historia sobre a nostalxia dos anos da infancia e das vilas e aldeas con rapazada; Yaiza García Arango, veciña de Palas de Rei de 15 anos, por “O eco da carballeira”, un texto sobre a importancia da memoria e as raíces; e Sabela García Santos, veciña de Ordes e alumna do IES nº 1, onde cursa segundo da ESO. Este é o cuarto premio para Sabela no certame da Erbeda, nesta ocasión polo manuscrito “Dez días”, unha advertencia sobre a importancia de deixar dito todo o que se teña que dicir, aínda que sexa por escrito.
María López Sández felicitou en nome da RAG a todas as persoas gañadoras e mais á Asociación Veciñal Os Nosos Lares pola continuidade dun concurso que promove un xéneros no que Emilia Pardo Bazán foi prolífica (publicou preto de 700) e que é tamén un dos “fundamentais da literatura galega”, cultivado con mestría por moitos autores, dende Rafael Dieste e Ánxel Fole a Xosé Luís Méndez Ferrín. A académica salienta nesta liña a conexión do relato breve co de tradición oral e destaca así mesmo a súa “capacidade de diálogo cos problemas sociais de cada momento”. Os contos de Emilia Pardo Bazán son boa proba disto. A autora foi pioneira na abordaxe literaria da violencia de xénero, que tamén denunciou como articulista, en relatos como “El indulto”, “El encaje roto”, “La corpana” ou “Las medias rojas”. “O relato, na súa brevidade e condensación, permite achegarse a calquera tema coa forza demostrativa e inmersiva da literatura”, engade López Sández.
O concurso de relatos A Erbeda púxose en marcha canda a biblioteca de barrio impulsada pola Asociación Veciñal Os Nosos Lares. Concibiuse como “unha forma de pór en valor e recuperar a conexión do barrio coa súa propia dimensión literaria, impulsar a lectura e a escritura, apoiar a lingua propia e estimular a creatividade no formato do relato breve”, explica Álvaro Benedicto Pérez Sancho. O presidente da entidade agradece a colaboración da RAG e das demais partes que colaboran nesta iniciativa e celebra que, medio século despois da súa creación, a súa reivindicación dunha biblioteca municipal estea máis preto de se facer realidade. “Indica que seguimos avanzando nesa pegada cultural que debemos seguir impulsando entre todos e con todos”, conclúe.


