Os músicos da romaría de San Campio abren a escolma de fotos do Arquivo da RAG arredor do cancioneiro

O Arquivo da Real Academia Galega estrea nesta semana central das Letras Galegas 2025 unha serie na que escolma e comenta imaxes históricas relacionadas dalgún xeito coa poesía popular oral e as cantareiras, ás que a institución lles dedica a gran festa deste 17 de maio. A selección empeza cunha estampa de especial forza e beleza, inmortalizada por José Prieto Guerra a finais do século XIX na popular romaría de San Campio de Santo Ourente de Entíns (Outes). O posado, que comenta a académica Margarita Ledo, evoca o canto tradicional do pobo que está na cerna da celebración. 

Romaría de Santo Ourente cara a 1890. Autor: José Prieto Guerra (Fonte: Arquivo da RAG)

Todas as pezas comentadas forman parte do fondo arquivístico da RAG dixitalizado e dispoñible en aberto en Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia. Margarita Ledo salienta a disposición frontal e a nitidez desta primeira instantánea, na que as mulleres do centro da imaxe portan cadansúa pandeireta e o home parece disposto a empezar a tocar o violín. Semella pensada para unha carta postal e fala da condición de fotógrafo profesional do autor, diferente do amador ou da foto de artista. Canto aos instrumentos musicais e a roupa das persoas que Prieto Guerra retrata, “connotan a cultura campesiña” –creadora, xunto coa mariñeira, do cancioneiro– e tamén “a actividade festeira en troca duns poucos reais”. “Mais, de modo singular, esta foto míranos dende o corpo dunha clase social que pouco a pouco se vai afacendo á fotografía”, engade a cineasta e catedrática de Comunicación Audiovisual. Ledo compara así os “ollos desconfiados das rapazas” coa “decisión na actitude da figura central, a muller que organiza o grupo mentres ao seu redor o elemento masculino deixa esvaer un certo sorriso para se representar”.

“De chegar esta imaxe da romaría en Santo Ourente algunhas décadas despois ás mans do Marcel Mauss, o pensador, case-sociólogo, que innova e vai cara ás marxes do método porque vive cativado polas sociedades tradicionais, de seguro que localizaría en cada aceno, nas dúas mozas que se tocan apenas os dedos, a transmisión dun xesto social canda a tentativa de que nós, ao ollar a foto, queiramos formar parte da escena; desa dobre existencia, física e imaxinaria, que está na fotografía como construción”, reflexiona Margarita Ledo.

Unha parroquia inmortalizada tamén nos e cos cantares
A imaxe de Prieto Guerra consérvase no fondo do académico fundador Eladio Oviedo Arce (Noia, 1864-1918), quen lle debeu de encargar outras fotografías na zona da ría de Muros e Noia en distintos momentos, de acordo coa documentación gráfica conservada no Arquivo da Academia e mais con correspondencia que intercambiaron. José Prieto Guerra realizou este retrato de grupo cara a 1890, na romaría de San Campio, Santo Ourente de Entíns, concello de Outes, que se celebra a finais do mes de setembro.

Tamén chamada romaría do mal cativo, a romaría de San Campio gozou, e segue a gozar, de gran sona en Outes e nos concellos veciños. E como suxire a estampa, a parroquia de Santo Ourente debeu de ser dende hai moito tempo berce de xente cantareira. A ela chegou en xaneiro de 1979 Dorothé Schubarth, á procura de melodías e cantigas populares que cantaron para ela, entre outros veciños e veciñas, María Mercedes, de 90 anos, Manola (58), Pelegrina (83) ou Beleiro (76), quen entoaron coplas coma estas: San Campio é moi valente /que ten a ialma no ceo / i o corpo en San Orente; Romaría de San Campio / non che era para perdere / se Deus quere e non morro / para o ano hei de volvere; San Orente é boa terra / dun pino qu'había alí / fixen un barco de guerra / ai la la la ai la la / ai la la la la la ra la.

A etnomusicóloga suíza tamén lle recolleu en Santo Ourente a Marisol (64 anos) estoutra copla igualmente incluída no Cancioneiro Popular Galego que publicou coa colaboración do académico Antón Santamarina: Malpica dos meus amores / o rei che quixo vendere / para mercar a Malpica / moitos cartos hai que tere. O rexistro destes versos pode ser unha boa proba da popularidade alén da comarca dunha romaría á que tamén foron cantar as pandeireteiras de Mens, segundo indica José Manuel Fernández Pensado, Manel de Aturuxo, no volume As Vellas de Mens (Galaxia, 2025), dedicado ás cantareiras e tocadoras do concello de Malpica de Bergantiños nas que a RAG personifica a homenaxe destas Letras Galegas 2025 canda Rosa e Adolfina Casás Rama e mais Eva Castiñeira.