Os debuxos de Claudio Varela para 'O incerto señor Don Hamlet'

A Real Academia Galega amosa esta semana na súa páxina web os debuxos realizados por Claudio Varela para o attrezzo da estrea da peza teatral de Álvaro Cunqueiro O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, representada por primeira vez no teatro Colón da Coruña no ano 1959. A institución súmase así á celebración en Galicia, o 16 de novembro, do Día Internacional do Patrimonio Mundial, creado pola UNESCO hai 45 anos para promover a reflexión sobre a importancia dos bens culturais e da súa protección e conservación. Os bosquexos e a súa historia están dispoñibles nesta ligazón.

Un dos debuxos que de Claudio Varela que se poden ver nesta ligazón.


Claudio Varela naceu e morreu na Coruña, onde estudou na Escola de Artes e Oficios e foi pintor do Teatro da Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana, encargado da estrea d'O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca. Tamén deseñou varios decorados para o Ballet Galego Rei de Viana e deixou unha modesta produción poética e de crítica artística.

Álvaro Cunqueiro escribiu O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca no outono de 1958. A obra, convertida axiña nun fito da dramaturxia galega e universal, racha cos principios temáticos habituais no teatro da España do franquismo e entronca de cheo con correntes europeas como o existencialismo, o simbolismo e o absurdo. Foi ademais unha das primeiras pezas teatrais escritas e representadas integramente en galego durante a ditatura. A súa aceptación foi todo un éxito tendo en conta o contexto sociopolítico e cultural no que se estreou e deulle pulo á recuperación da cultura galega a partir dos anos 60.