Os cursos "Galego sen fronteiras" naceron no ano 1988 e dende entón permitiron familiarizarse co galego, ou profundar no seu coñecemento, e coñecer a realidade sociocultural do noso país a máis de dúas mil cincocentas persoas de moi diversas nacionalidades. Polas súas aulas pasaron moitos alumnos e alumnas que hoxe desenvolven un labor destacado no estudo das nosas linguas e literaturas fóra de Galicia, contribuíndo á súa internacionalización e normalización.
O secretario da Academia, Henrique Monteagudo, e o tamén académico de número Xosé Luís Regueira dirixen os cursos acompañados na secretaría académica por Ana Boullón, membro correspondente da institución. O programa divídise en tres niveis, elemental, medio e superior, e combina clases teóricas e prácticas, palestras de persoeiros da cultura galega, visitas a lugares de interese natural e histórico de Galicia e outro tipo de actividades culturais e lúdicas.
O folleto informativo cos detalles desta nova convocatoria pode descargarse nesta ligazón. A ficha de inscrición tamén pode descargarse nestoutra ligazón. Para calquera dúbida ou consulta pode dirixirse á secretaría dos cursos a través do correo electrónico cursos@academia.gal.
Blog dos Cursos "Galego sen fronteiras": http://cursoslinguagalega.academia.gal/