O Simposio Xela Arias arrinca coa ollada ao mundo cotián da muller "loitadora" e "temeraria" que se espiu na escrita

No seu caso non é un tópico. Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) deixou na súa obra o seu propio retrato, o dunha muller “loitadora” e mesmo “temeraria” que non se deixou levar nunca pola covardía. O simposio que a Real Academia Galega lle dedica á protagonista do Día das Letras Galegas 2021 arrincou na sede da institución con tres relatorios dedicados á vida e ao compromiso sociocultural da autora a cargo do seu fillo, Darío Gil Arias, e a profesora da Universidade de Vigo Ana Iglesias e a escritora Marga do Val, amigas da homenaxeada. A tarde trouxo tamén  palabras do académico Darío Xohán Cabana dedicadas a Xela Arias e un recital protagonizado polas poetas Yolanda Castaño, Emma Pedreira e Dores Tembrás xunto a Darío Gil Arias e Marga do Val. A xornada completa pode verse nesta ligazón.

1/17

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a académica Marilar Aleixandre, coordinadora do Simposio Xela Arias; e o fillo e a nai da autora, Amparo Castaño, participaron na inauguración do encontro, que terá continuidade os vindeiros xoves 18 e 25 de novembro con novas achegas arredor da produción literaria, o labor como tradutora e editora de Xela Arias e o seu diálogo con outras artes. Os relatorios de distintas voces especialistas completaranse o día 18 cun concerto da Banda da Loba baseado nos seus versos e o 25 coa presentación da serie documental Xela Arias. A palabra esgazada, producida pola RAG da man de Miramemira con guión de María Yáñez.

“Xela Arias significa un vento fresco na poesía e na creatividade galega das derradeiras décadas do século pasado e representa tamén o pulo e a creatividade dunha xeración, especialmente importante para a renovación do discurso cultural na procura de novas formas de modernidade”, salienta Víctor F. Freixanes. “A RAG séntese especialmente orgullosa de poder acoller estas voces no canon da historia da nosa literatura”, engade.

Ao acto tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística en representación da Xunta de Galicia, que patrocina o encontro. Valentín García destaca a importancia de pechar o ano de Xela Arias cun estudo profundo da súa vida e obra, como cada ano fai a RAG, "máis neste caso no que a autora nos deu a oportunidade de proxectar as Letras Galegas dende ópticas distintas, impregnadas con contidos de mestra, muller moderna e escritora transgresora, sinais de distinción da homenaxeada neste ano".

"Este ano fixo que aínda me achegase máis á miña nai"
A familia agradeceu as múltiples accións impulsadas por distintas institucións e colectivos ao longo deste ano para celebrar o Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedicou á escritora. “Este ano fixo que me achegase aínda máis á miña nai e descubrise perfís ata o momento descoñecidos para min”, expresa Darío Gil Arias. O fillo da homenaxeada participou na xornada, moderada por Yolanda Castaño, cunha ollada dende o cotián a unha muller que hoxe chocaría co culto ao éxito e á competición “en todo e contra todos”, e que sempre demostrou un “profundo sentido da xustiza e da liberdade, que lle facía comprometerse con todas aquelas causas que ía recoñecendo”.

“Tiven a sorte de que a miña nai me levase a todos os actos e encontros nos que participaba, polo que nos anos do Nunca máis e o Non á guerra puiden vivir moi de preto toda a súa actividade máis comprometida coa sociedade, o que de seguro forxou parte da miña conciencia actual, outro legado que deixou en min”, valora. “Ademais de natural, fronte ao impostado e opulento, e libertaria, ela sempre foi unha loitadora”, engade Darío Gil Arias, que aclara que para a poeta o activismo non era un fin en si mesmo, senón un medio para poñer fin á subxugación.

A defensa da igualdade de xénero ou mesmo a divulgación da arte foron parte das causas que a autora defendeu, esta última como membro da Asociación Cultural Fundición Nautilus, promovida polo artista e amigo Xosé Guillermo, ilustrador da primeira edición de Denuncia do equilibrio (1986), lembra Darío. 

“Cun ratiño unha vez fun universo”, un dos versos de Darío a diario, sérvelle ao protagonista deste poemario sobre a maternidade para ilustrar o que Xela Arias entendía por ambición ou realización persoal. “Para ela non era máis que buscar acadar aquilo que fai feliz a cadaquén, sen importar que poida parecer algo ao alcance de calquera ou común. Esta máxima que interiorizou facía que cando escribía nunca pensase na posible transcendencia da súa obra, senón que escribía co obxectivo de reflectir o que quería en cada momento, sempre na procura de ser consecuente co seu estilo e atoparse cómoda coa obra”, expón. 

Darío Gil Arias salienta tamén outro verso do libro que lle dedicou a súa nai, “Busco o modo de te acompañar sen estorbo”, para mostrar outra cara de Xela Arias, que loitou pola súa liberdade persoal e que garantiu para o fillo.

"Estamos e somos texto"
A través da escrita de Xela Arias e do diálogo que estableceu con esta, Marga do Val profundou no retrato da autora, a quen definiu como un corpo en rebeldía que dinamitou fala e espazo. “Entrou no texto e foi texto, destruíndose(nos) e deconstruíndose(nos), coa marxe e na marxe, tamén dinamitadora da fala”, expresa a escritora. “Retratouse na praza. Retratouse espida. Púxose en bragas e retratouse. Retratouse e revolvéuselle a arma contra ela. Que si, que si. Retratouse e retratounos”, engadiu. Foi este un exercicio, valorou a relatora, que a autora pagou, mais que tamén pagou a pena. “Estamos e somos texto”, conclúe.

Marga do Val detívose no significado da presenza de Xela Arias nos recitais dos anos 80 do século pasado e a chegada e lectura dos seus poemarios, desde Denuncia do equilibrio (1986), “libro urbano, entre o metal e o rock, con todos as suores da humanidade”; e Tigres coma cabalos (1990), “revolución estética fronte ao puritanismo, ao caduco, e obra que abriu moitos armarios”; a Darío a diario, “obra que poetiza o privado”; e Intempériome (2003), “onde Xela Arias se corporizou negra por elección”.

A temeridade para salvarnos da covardía
Ana Iglesias ofreceu a súa propia visión persoal de Xela Arias baseada nunha amizade que fraguou nos anos en que foron compañeiras de estudos na universidade, centrándose nas decisións que a escritora foi tomando ao longo da súa vida “de forma máis temeraria ca precavida”. Escolleu, de feito, un dos versos de Intempériome, “A temeridade sálvanos de senti-la covardía”, para dar título á súa intervención. “As escollas vitais de Xela Arias van conformando unha persoa que non se deixa arrastrar polo establecido e que é quen de ir contracorrente. Para min Xela era ante todo temeraria. Entendo temeridade como o feito de ir máis alá do noso espazo de confort. Xela non só é que se atrevese, é que o necesitaba”, analiza a profesora da Universidade de Vigo.

A relatora referiuse tamén á grande conciencia social de Xela Arias e á súa “infinita capacidade” de poñerse na pel do outro. “Negándose a ser simple espectadora, foi encadeando un reto tras outro, sen deixarse levar polo camiño máis curto e recto, nunha procura ambiciosa do equilibrio dos extremos”.

Algo de Manuel Antonio e Cunqueiro
A tarde continuou co recordo de Xela Arias de Darío Xohán Cabana. Marilar Aleixandre foi a encargada de dar lectura á lembranza do académico, que non puido estar presente, de como coñeceu a Xela Arias cando só era unha nena, a filla de Valentín Arias e Amparo Castaño que ilustrou co seu irmán a primeira edición d’Os soños na gaiola de Manuel María, e de como tempo despois emerxeu como creadora literaria.

Cando  nos anos 80 Darío Xohán Cabana volveu “ver ao lonxe” a Xela Arias, era xa “unha poeta extraordinaria”. Nela resoáballe “un certo Manuel Antonio moi persoalmente procesado e unha sintaxe quizabes un pouco cunqueirana que lle daban unha forte orixinalidade nun tempo no que aínda Chus Pato, un pouco máis vella ca ela, non abalara o satisfeito mundo noso da poesía de predominancia masculina”, define o escritor. 

Darío Xohán Cabana destaca tamén o traballo de Xela Arias noutros dous eidos que el mesmo ten cultivado, o da edición e o da tradución. “Foi unha tradutora laboriosa e fecunda, que trouxo á nosa lingua moitas obras senlleiras ou necesarias de varias literaturas”, valora. Entre elas, O derradeiro dos mohicanos de Fenimore Cooper, que mereceu no ano 1994 o Premio Ramón Cabanillas ex aequo coa Vida nova de Dante do académico.

As palabras de Darío Xohán Cabana remataron co recordo de como a morte de Xela Arias o sorprendeu en Gernika, nunha xuntanza de Galeusca: “Eu estaba ao carón de Xosé María Álvarez Cáccamo, que recibiu unha chamada no seu móbil. Mentres escoitaba colleume polo brazo e apertoumo moito. Era a chamada que lle anunciaba, que nos anunciaba a todos nós, escritores galegos, vascos e cataláns reunidos naquela Capital da Dor, a morte súpeta de Xela Arias Castaño, a filla do Valentín e a Amparo, a que debuxara Os soños na gaiola do Manuel María, a que proferira a alta poesía deses catro libros poderosos que configuran un dos cumes das letras galegas do noso tempo”.