Intervenientes na xornada inaugural, representantes das institucións organizadoras do Simposio Antonio Fraguas e familiares do protagonista do Día das Letras Galegas. Fonte: RAG
A Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego (MPG) e a Fundación Antonio Fraguas organizan conxuntamente o encontro co apoio da Xunta de Galicia. O simposio xuntará ao longo de tres días unha vintena de voces que afondarán na pegada de Antonio Fraguas na cultura galega, no seu legado nos estudos de etnografía e folclore, xeografía e arqueoloxía, mais tamén na situación actual e nas novas olladas das diferentes disciplinas que cultivou. A entrada de todas as sesións é libre ata completar a capacidade das salas.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente do padroado do MPG, Justo Beramendi; e o secretario da Academia, Henrique Monteagudo, en representación da coordinación do programa, inauguraron o simposio. "A figura e a obra de Antonio Fraguas invítanos a reflexionar sobre as raíces populares da nosa lingua e da nosa cultura, a fonte limpa das nosas tradicións. Este simposio daranos a oportunidade de afondar nas diferentes caras dese poliedro rico e cheo de autenticidade que é Antonio Fraguas, quen se definiu a si mesmo como un neno da aldea", salienta Víctor F. Freixanes. "Antonio Fraguas é ademais un exemplo non só de compromiso e de entrega ao país, senón de conciliación, procurando sempre xuntar vimbios para coñecer xuntos o pasado e construír xuntos o futuro. A colaboración entre institucións para desenvolver este simposio exemplifica esa vontade de acción común", conclúe.
A presidenta do CGG, Rosario Álvarez, e o presidente do padroado do MPG, Justo Beramendi, subliñan tamén a importancia da organización compartida. "Organizamos este simposio de forma colaborativa, como a Antonio Fraguas lle gustaría, desde tres institucións que o lembran con afecto e con gratitude, pola contribución a elas mesmas e á cultura galega no seu conxunto", expresa Rosario Álvarez. "Esta colaboración en si mesma é unha homenaxe non só a D. Antonio senón tamén ao espírito do vello Seminario de Estudos Galegos", engade Justo Beramendi.
Oscar Ibáñez e a súa banda. Fonte: RAG
Rosario Álvarez e Justo Beramendi coinciden tamén na importancia de revisar neste foro non só a obra de don Antonio, senón tamén o estado actual dos campos de estudo nos que traballou. "Chegados ao final do ano dedicado a don Antonio Fraguas, facemos balance desde diversas ópticas disciplinares, sintetizando o coñecemento e poñendo en relevo a súa pegada na cultura galega contemporánea. Neste simposio está presente a orixe nunha comunidade traballadora e aldeá que marcou de xeito indeleble uns sinais identitarios que o acompañaron toda a vida. Está presente o mestre devoto, dentro e fóra da aula. Está presente a súa contribución á investigación arqueolóxica e, sobre todo, ao coñecemento da etnografía e folclore galegos. E, como non, está presente a música da Terra de Cotobade", resume Rosario Álvarez. "Pensamos que un bo modo de culminar este ano dedicado á memoria de don Antonio Fraguas era, amén de analizar a súa obra, ver como evolucionaron no tempo transcorrido até hoxe as disciplinas que cultivou: a xeografía, a arqueoloxía e a etnografía", apunta Justo Beramendi.
De Insuela á Real Academia Galega
Tras a apertura do simposio, María Xosé Fernández Cerviño afondou na traxectoria vital do homenaxeado cun relatorio titulado Antonio Fraguas Fraguas, de Insuela á Real Academia Galega. "A senda que conduciu a Antonio Fraguas desde o seu lugar nativo no concello pontevedrés de Cotobade á cadeira que Castelao deixara vacante na Real Academia Galega é un modelo de tesón, de humildade e de fidelidade á terra e á cultura que vai impregnando o espírito dun home desde o berce", di a historiadora do vello profesor, con quen mantivo un estreito contacto desde a fundación do Museo do Pobo Galego. Antonio Fraguas foi o primeiro director e logo presidente desta institución, da que máis adiante a propia María Xosé Fernández Cerviño sería subdirectora.
Pola esquerda, Francisco Díaz-Fierros, María Xosé Fernández Cerviño e Antonio Reigosa. Fonte: RAG
A relatora incidiu na pegada que deixou a infancia en Cotobade no Fraguas investigador, moi evidente no interese especial que sempre amosou pola tradición oral que tanto documentou, na que se centrou Antonio Reigosa desde a perspectiva da mitoloxía popular.
"Un extraordinario mitólogo"
Antonio Reigosa recreou algunhas das achegas de Antonio Fraguas ao coñecemento e á intepretación do rico repertorio de mitos, ritos e figuras sobrenaturais da cultural popular tradicional galega. "Como etnógrafo, Antonio Fraguas anota, describe e ordena con criterio todo canto considera de interese para a salvagarda e o "Antonio Fraguas tiña ese don de seu natural para comunicar con sinxeleza a enorme complexidade dun inmaterial que se expresa simbolicamente e que afecta ao profundo do ser humano. Grazas a estes e a outros traballos arredor de múltiples materias, contribuíu decisivamente e con grande entusiasmo a afirmar a nosa identidade"coñecemento global da nosa cultura popular", valora o investigador, que se referiu á mitoloxía sobre animais como o lobo ou a serpe; á relacionada co lume, os astros e os fenómenos atmosféricos, que acubilla personaxes máxicas como os nubeiros ou tronadores, capaces de provocar treboadas; as crenzas sobre o mundo do demo, habitado tamén por bruxas e meigas; ou ao amplo patrimonio inmaterial de rituais arredor dos nacementos e da morte. Tampouco esqueceu "outros enredantes" como o zarronco, Pedro Chosco, os negrumantes, os trasnos ou os biosbardos, tamén descritos por Fraguas.
"No centro deses mundos imaxinarios poboados de criaturas con capacidades máxicas estamos nós, os humanos, os creadores de todas elas e deses espazos cos que tentamos dar cabida e sentido, e algunha posible resposta, ás eternas interrogantes: de onde vimos, quen somos e a onde imos?", reflexiona Antonio Reigosa. "A isto contribuíu Antonio Fraguas decisivamente co seu esforzo, co seu saber e curiosidade, bendicido por ese don de seu natural para comunicar con sinxeleza a enorme complexidade dun inmaterial que se expresa simbolicamente e que afecta ao profundo do ser humano. Grazas a estes e a outros traballos arredor de múltiples materias, don Antonio Fraguas contribuíu decisivamente e con grande entusiasmo a afirmar a nosa identidade", conclúe o relator, para quen o protagonista do Día das Letras 2019, ademais de antropólogo, etnógrafo, etnólogo ou folclorista, debe ser recoñecido como "extraordinario mitólogo".
Un avanzado na visión da paisaxe
Francisco Díaz-Fierros defíneo na mesma liña como "un antropólogo do miúdo" que rescatou numerosas expresións da cultura popular "dun seguro esquecemento". Pero o académico afondará noutra disciplina que cultivou don Antonio, a xeografía, na que foi seguidor de Ramón Otero Pedrayo. O científico centrarase nas súas achegas ao estudo do territorio e da paisaxe, centradas nos anos 50 do século pasado e moi avanzadas ao seu tempo. A Convención Europea da Paisaxe ten en conta a interacción permanente entre os factores obxectivos do medio e os subxectivos da percepción humana. "E estas singularidades da concepción actual das paisaxes van estar xa moi presentes na obra de Fraguas: nesa dedicación especial ás formas sinxelas e humildes do territorio e nesa ollada xenuinamente campesiña que sempre as acompañan", pon como exemplo.
O programa continúa en Santiago de Compostela
O Simposio Antonio Fraguas continuará en Santiago de Compostela, no Museo do Pobo Galego, institución da que Fraguas foi o primeiro director, desde 1977 ata 1989, cando pasou a presidir o padroado tras o pasamento do seu amigo Xaquín Lorenzo. Máis dunha ducia de especialistas afondarán no legado de Antonio Fraguas na etnografía e o folclore, a xeografía e a arqueoloxía, e reflexionarán tamén sobre a evolución destas disciplinas antes e despois das súas achegas.
A xeografía e a arqueoloxía centrarán o programa do mércores 27 de novembro e contará coas achegas de Francisco Durán, Valerià Paül, Camiño Noia, Henrique Monteagudo, Francisco Calo Lourido, Felipe Arias e María Pilar Prieto. O Simposio Antonio Fraguas concluirá o 28 de novembro poñendo o foco na etnografía e no folclore da man de María Concepción Losada, Clodio González, António Medeiros, Luzia Oca, Cristina Sánchez Carretero, Xosé C. Sierra e Xerardo Pereiro.