O Seminario de Sociolingüística participa no X Congreso da Asociación de Antropólogos Iberoamericanos en Rede

O Seminario de Sociolingüística está a participar no X Congreso Internacional da Asociación de Antropólogos Iberoamericanos en Rede (AIBR). O encontro reúne esta semana na Universidade Complutense de Madrid preto dun milleiro de profesionais de España, Portugal e América Latina cos retos de futuro que supoñen para a disciplina antropolóxica as novas tecnoloxías desenvolvidas no terreo da intelixencia artificial como tema central. O técnico Gabino Vázquez-Grandío presentou o Caderno de monitorado de Ames para a observación da lingua do proxecto Modo galego, actívao! nunha mesa sobre metodoloxía.

Gabino Vázquez-Grandío nun momento da súa intervención no congreso

Modo galego, actívao! é o proxecto colaborativo de investigación-acción que a Real Academia Galega vén desenvolvendo da man do Concello de Ames dende o ano 2021. O seu obxectivo é explorar xeitos mellores de dinamizar a lingua galega nas novas xeracións, poñendo a proba ideas novas, adaptando outras xa existentes e analizando sistematicamente os seus resultados.

O Caderno do monitorado de Ames é unha ferramenta pensada cun dobre propósito: servir de actividade formativa e de dinamización para os profesionais dos servizos complementarios de educación deste municipio da área periurbana de Santiago de Compostela e facelos asemade partícipes do seguimento e avaliación do programa. Inspirado no traballo de campo etnográfico, o instrumento pon os monitores e monitoras no lugar dun antropólogo que observa as relacións lingüísticas dos espazos nos que eles traballan. Mediante unha serie de instrucións e preguntas guía, o monitorado vai levando un diario das súas observacións e reflexións que dan lugar a unha aprendizaxe autónoma e permiten coñecer a súa visión dende o terreo das iniciativas levadas a cabo.