O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero (á dereita da imaxe), xunto ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo
Tanto Alonso Montero como González Formoso cualificaron o encontro como cordial e produtivo. "Recibíronos cunha gran cortesía, que a Academia agradece", expresou Alonso Montero tras a xuntanza, na que se falou do convenio entre a Deputación e a RAG e de publicacións na imprenta da institución provincial. Na súa sinatura no Libro de Ouro da Deputación, o presidente da Academia desexoulle ademais a González Formoso que "acerte no seu labor social e cultural", o que redundará no prestixio da cultura galega, engadiu.
O presidente provincial salientou, pola súa banda, "a longa traxectoria de colaboración" que manteñen as dúas institucións e a importancia da RAG na promoción da lingua e da cultura galegas. "Son uns fins cos que a Deputación da Coruña coincide plenamente, polo que seguiremos a senda de colaboración que iniciamos hai anos", engadiu.