A deputada Olalla Rodil foi a encargada de realizar un percorrido pola biografía de Ledo, "a primeira muller" que dirixiu un xornal en Galicia, A Nosa Terra, e quinta en ingresar como membro do pleno da RAG, recordou. O xornalista Xulio Diz actuou como mantedor da cerimonia de entrega do premio, outorgado o ano pasado ao académico de honra Basilio Losada. O lancarés, residente en Cataluña, non puido estar presente, pero enviou unha mensaxe á xornalista, catedrática de Comunicación Audiovisual e cineasta: "A miña terra tan amada recoñeceu o esforzo dunha persoa que traballa por unha Galicia soñada".
A homenaxeada, natural do concello lugués de Castro de Rei, lembrou na súa intervención o día en que coñeceu a Ramón Piñeiro, na misa na honra de Rosalía de Castro no ano 1970, e a entrevista que lle fixo para o semanario. Margarita Ledo destacou ademais que o galardón Facer País "fai de nós galegos e galegas de nación, nación como lugar material e simbólico, como real e desexo e anhelo común".