O Premio Ramón Piñeiro “Facer País” distingue a traxectoria de Margarita Ledo

A académica Margarita Ledo Andión é a gañadora do XV Premio Ramón Piñeiro "Facer País", galardón da Asociación Cultural Val de Láncara que recoñece cada ano o labor dunha persoa ou entidade a favor do desenvolvemento de Galicia. O xurado destacou o traballo que Ledo realizou desde moi nova a prol da lingua e da cultura galegas.

A catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela e cineasta natural de Castro de Rei (Lugo) é membro da executiva da Real Academia Galega, na que ocupa o posto de arquiveira-bibliotecaria. Margarita Ledo Andión recollerá este novo recoñecemento á súa traxectoria nun acto que se celebrará na primeira quincena de novembro no concello lugués de Láncara.

A decisión do xurado do premio foi dada a coñecer onte en Santiago de Compostela nun acto no que participaron Darío Piñeiro, alcalde de Láncara; Xurxo Rodríguez Lozano, profesor do CPI Ramón Piñeiro da mesma localidade; Carlos López Sierra, secretario da Asociación Cultural Val de Láncara e Manuel Fernández Arrojo, vicepresidente da mesma.

O xurado salienta de Ledo o seu "constante compromiso con Galicia na súa creadora actividade profesional como xornalista, escritora, docente e cineasta" e defínea como "partícipe fundamental no activo proceso de dignificación e renovación dos valores propios da cultura galega, con especial atención á presenza da lingua nos novos medios de comunicación".

O galardón tamén recoñece o compromiso da académica coa emigración, a defensa dos valores da liberdade e a democracia, e a "dignificación" das mulleres.

Na pasada edición, o premiado co Ramón Piñeiro "Facer País" foi o académico de honra Basilio Losada.