
Henrique Monteagudo interveu no acto nunha mesa na que tamén tomaron a palabra para lembrar a Franco Grande Manuel Puga, presidente do padroado da Fundación Penzol; Antón Vidal Andión, presidente do consello de administración da Editorial Galaxia; Teresa Seara, editora da antoloxía; e Navia Franco, filla do autor, en nome da súa irmá Rosalía e ela mesma. A homenaxe, organizada coa colaboración do Concello de Vigo, contou coa presenza entre o público de lectores e amizades do autor, así como autoridades como o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
“Xosé Luís Franco Grande é unha figura fundamental do período que el mesmo denominou os anos escuros, o tempo da ditadura de Franco, sobre todo nas súas primeiras etapas. Desde moi novo, xa nos anos de estudante na Universidade de Santiago de Compostela na segunda metade dos anos 50, adoptou un compromiso radical, profundo, coa lingua e coa cultura galegas”, retrata o presidente da Academia. “Este compromiso manifestouno de distintas maneiras, e quizais a máis perdurable sexa a súa produción artística como poeta”, valora Henrique Monteagudo.
Este xuízo habería de lle agradar ao autor. Porque el, “por riba de todo, sentíase poeta”, aseguran as súas fillas. “Cremos que o noso pai estaría moi contento de ver reunida e publicada a súa poesía. Sabemos que aínda hai algunha agochada ou desaparecida, inédita”, comparten Navia e Rosalía Franco. “Para nós Un intre no tempo é unha merecida homenaxe ao noso pai poeta, agradecémoslles a Galaxia esta publicación e a Teresa Seara que a facilitase”, engaden.
Reler a Franco Grande foi para a responsable da edición un reencontro cunha poesía que, alén dun “gran dominio da métrica, fai gala dunha mestría léxica innegable”, indica a editora sobre quen foi, ademais de escritor, autor do Diccionario galego-castelán (1968), obra de referencia para varias xeracións que comezaban a estudar galego aínda na ditadura. “Tamén significou regresar á liña existencial que dominaba nos anos cincuenta coa súa carga de ferida e tebra”, analiza Teresa Seara. Ao entender da crítica literaria, na lírica do académico atópase “unha lección crucial para a vida ou, como dixo Xulio Ríos, un ‘universo de profundidades común en quen conversa consigo mesmo de forma incesante’ e procura respostas ás grandes preguntas da existencia”.
A editora da antoloxía de Franco Grande sinala nesta liña a “plena actualidade” dos temas nos que afonda a súa poesía, desde a reflexión sobre ese sentido da existencia e a busca da transcendencia, ata a ferida da morte do pai, o contraste antitético entre a cidade e o contorno natural (no seu caso a Tebra, a parroquia de Tomiño onde naceu) ou a denuncia das inxustizas, como fixo nos anos de mocidade, mais tamén no seu derradeiro Libro das abandonadas (2017), páxinas estas últimas nas que que pon o foco nas consecuencias do abandono para a muller, facendo dialogar as viúvas de vivo de Rosalía con figuras como Gaspara Stampa e Mariana Alcoforado, repasa Seara.
Un intelectual honesto e respectado
Alén da poesía, este serán houbo tamén tempo para evocar o Franco Grande activista cultural e amigo. O seu compromiso co país agromou sendo aínda ben novo, nos anos de estudante universitario en Santiago de Compostela, onde entrou en contacto cos galeguistas do exilio interior e a seguinte xeración que continuaría o labor desta, a súa propia. Foi un comezo decisivo, como recordan Navia e Rosalía Franco nestas palabras do seu pai: “Debo todo na miña vida aos compañeiros de xeración e aos galeguistas que na década dos 50 retomaron a loita pola dignidade nacional de Galicia”.
Tras se licenciar en Dereito e unha estadía de dous anos na Coruña, no despacho do avogado Sebastián-Martínez Risco –naquela altura xa presidente da Real Academia Galega–, Franco Grande instalaríase en Vigo. Pouco despois de chegar á cidade, cando en 1963 se constituíu a Fundación Penzol, o seu mecenas tivo claro que quería contar con el, indica o actual presidente da entidade, Manuel Puga. “Era un rapaz de só 27 anos e acababa de chegar a Vigo para traballar no despacho de Xaime Isla Couto, e Fermín Penzol decidiu incorporalo ao padroado a carón de figuras como Ramón Otero Pedrayo, Ramiro Isla Couto ou Carballo Calero. O seu labor foi intenso e sempre comprometido. Percorreu Galicia e traballou arreo á procura de apoios á causa”, resume.
Máis adiante renunciaría a ser padroeiro da Penzol por un desencontro con Ramón Piñeiro, pero en 2007 volvería selo, desta volta, cuns novos estatutos, en representación da Real Academia Galega. “No seu regreso volveu participar na Penzol facendo sempre achegas oportunas, e foi recibido de novo con moito afecto e respecto”, conta Manuel Puga. Mostra deste cariño é a edición facsimilar de Vieiro choído (1957), o seu primeiro libro. O texto teatral que inaugurou a colección Illa Nova da editorial viguesa foi levado de novo ao prelo en 2018 pola Penzol, a Fundación Isla Couto e Galaxia.
En representación da editorial viguesa participou na homenaxe o presidente do seu consello de administración, do que Franco Grande foi secretario. Antón Vidal Andión non se detén moito nos detalles da estreita relación entre o homenaxeado e Galaxia, ben coñecida e moi temperá tamén. Prefire compartir o retrato que garda na súa mente dun home que admira. “Coñecín a Franco Grande na miña chegada a Vigo, a mediados dos 70, a través dun amigo en común, Xoán Bernárdez, que coma el traballaba para a Caixa de Aforros de Vigo, e con que tiña colaborado no programa de radio sobre Galicia Raíz e Tempo (1966-1970)”, rememora. “Del destacaría sobre todo a súa honestidade intelectual, mesmo se obrigaba a manter ás veces posicións non fáciles”, subliña.
Como escritor, Antón Vidal tamén salienta a lucidez de Franco Grande como ensaísta e cronista en Os anos escuros I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-1960), ampliado en 2004. “Este libro deume unha idea cabal do que foi Galaxia nos anos que non puiden vivir pola miña idade”, valora. Xunto á súa poesía, espello do seu eu máis íntimo, estas páxinas manteñen viva a súa memoria e a da xeración á que pertenceu, elo imprescindible entre os galeguistas históricos e os que hoxe seguen a sementar futuro.


