O nome do Certame de relato breve A Erbeda recupera o topónimo literario que Emilia Pardo Bazán lle deu ao barrio coruñés de Palavea, e con el réndeselle tamén homenaxe a unha autora que dominou con mestría a arte do conto.
David Otero Rego, oficinista de profesión, foi premiado polo relato titulado “Nasa”, unha trepidante historia en forma de diálogo que convida a reflexionar, dende unha perspectiva desmitificadora do cine, sobre os motivos que levan unha persoa común a involucrarse no tráfico de drogas.
Alba Cedillo Vázquez, de 14 anos de idade, fíxose co galardón para persoas entre os 12 e os 17 anos con “A travesía da princesa perdida”, unha historia sobre a superación das adversidades e a recuperación das ganas de vivir.
Sabela García Santos gañou o premio da modalidade infantil con “A nosa terra”, un conto que narra a viaxe de descuberta de Galicia a través dos ollos dunha cativa de cuarto de primaria. Sabela fíxose con este galardón por terceiro ano consecutivo.
Na entrega dos galardóns tamén participaron, canda o presidente da RAG e da Asociación Veciñal Os Nosos Lares, a secretaria da mesma, Ana Santomé, e José Manuel Pampín, membro do xurado.