O ILG homenaxea a Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei e Manuel González

A semana de celebración do medio século de vida do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela concluíu cun acto no que se lles rendeu homenaxe a Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei e Manuel González. Os tres membros do ILG e académicos de número da Real Academia Galega lembraron nas súas intervencións os anos de traballo de recollida da lingua falada por todo o país e outros traballos fundamentais para o estudo e a conservación do idioma. 

Pola esquerda, Elías Feijó, Manuel González, Valentín García, Antonio López, Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira. Autor: Santi Alvite / USC

A académica electa Ana Boullón foi a encargada da laudatio nun acto que se desenvolveu na Facultade de Filoloxía da USC, e no que tamén interviñeron o reitor, Antonio López; o decano do centro, Elías J. Feijó Torres; e o director do ILG, o académico Xosé Luís Regueira. A celebración reuniu a numerosos compañeiros da USC e membros da RAG, entre eles o presidente, Víctor F. Freixanes, que participou ademais cunhas palabras de afecto no vídeo proxectado na homenaxe.

O acto de homenaxe pode verse nesta ligazón.