O Festival de Cine de Sevilla premia o filme 'Nación' de Margarita Ledo

A académica de número Margarita Ledo Andión foi galardoada no Festival de Cine de Sevilla co premio especial á mellor dirección dun filme estatal pola cinta Nación, que narra a historia das mulleres que loitaron contra o peche da fábrica de cerámica de Pontesa. O xurado do certame destacou que esta película de non ficción é unha reivindicación precisa da memoria das galegas que traballaron nas factorías da modernización incipiente do século XX e que despois sufriron as consecuencias da reconversión industrial. 
 

Margarita Ledo non puido estar presente en Sevilla por mor da situación sanitaria e agradeceu o galardón nunha conexión telemática na que explicou que Nación é un filme sobre as mulleres "que descubriron a importancia de teren dereitos e de defendérenos", e que foron "expulsadas e condenadas de novo ao silencio". O xurado considera este traballo, do que a académica é tamén guionista, unha aproximación delicada ao tema que aborda e subliña tamén a calidade do tratamento do son, "crucial para reafirmar o valor impresionante das imaxes".

O filme poderá verse esta semana no festival Cineuropa Compostela, onde a cineasta será tamén recoñecida este mércores 18 de novembro co Premio Cineuropa.