Xaime Isla Couto, en Valencia nunha viaxe de fin de curso. Fonte: Fundación Isla Couto.
"Na clase de Filosofía vimos a Jaime Isla Couto, 14 años, contestar entrecortadamente como buscándose a si mesmo na lección. El non sabe de memoria as cousas. Todas as ideas provocan loita dentro del e así, o que vai dicindo está tinxido coa súa personalidade". Johán Carballeira retrataba deste xeito a un Isla Couto aínda adolescente na reportaxe sobre o instituto no que estudaba bacharelato que El Pueblo Gallego publicaba en abril de 1930. O propio Isla rememoraría este episodio no seu discurso de ingreso, en 1999, na Real Academia Galega. Aquela lección escolar versaba sobre os conceptos de sociedade, rexión e nación, un tema sobre o que dous anos despois, nun cursiño sobre sistemas políticos, escribiría un traballo titulado Do concepto de nación cun exemplo: Galicia.
O Isla case neno que coñeceron Carballeira e o ilustrador Torres, moi influenciado desde cativo polo seu irmán Ramiro, era xa un "lector acendrado do galego e devoto de Otero Pedrayo". "Jaime Isla é polo menos republicano e cando fala das ideas 'avanzadas' faino naturalmente. Hoxe chámanas ideas avanzadas, dinos, pero dentro de pouco serán a cousa máis corrente. Torres e mais eu estamos verdadeiramente contentos ante este mozo. E tacitamente pensamos: Jaime Isla Couto: ti serás un verdadeiro home", concluía Carballeira na súa reportaxe.
Que Isla Couto era republicano quedaba máis ca patente doce meses despois, cando adiantaba a chegada da II República no centro"Fixemos un grupo escolar ao servizo da República, e proclameina catro horas antes ca en Madrid no ano 31!" educativo. "Fixemos un grupo escolar ao servizo da República, e proclameina catro horas antes ca en Madrid no ano 31, o 14 de abril! Veu a policía por alí, mandou sacar a bandeira, alí estabamos aconchabados co conserxe, que era un home medio republicano, que me deu a bandeira. Volvimos colocala ata que por fin non a puideron quitar porque chegou a nova de que fora proclamada en Madrid", recordaba o propio Isla nunha entrevista moitos anos máis tarde.
No 32, Xaime Isla fundou a Mocedade Galeguista de Vigo; no 34, a Federación de Mocedades Galeguistas e no 36, a Unión Galega de Estudiantes. Tamén organizou os agrupamentos Ultreya en Vigo e foi bolseiro do Seminario de Estudos Galegos da man de Filgueira Valverde. Alí, entre 1935 e 1936, repasaba no seu discurso de entrada na RAG, decatouse da importancia da perspectiva económica para o galeguismo: "Incorporado á Sección de Estudos Económicos, Xurídicos e Sociais, fixéronme descubrir a importancia da dimensión económica na construción e desenvolvemento nacional e arrequecer así aqueloutra perspectiva política e cultural; e con iso a necesidade imperiosa de que tiña o galeguismo de afrontar o estudo".