O elo galego de Antonio Machado

A III Aula Juan de Mairena, celebrada baixo o título Machado, el exilio español, contou coa participación do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, quen puxo o acento na súa conferencia na relación entre Antonio Machado e o folclore. O seu pai, Antonio Machado Álvarez, fora pioneiro nesta materia como estudoso e como fundador ou alentador de sociedades, unha delas El Folclore Gallego, nada na Coruña en 1881 e coa que colaborou, lembra Alonso Montero.

Xesús Alonso Montero, nun momento da súa conferencia, acompañado por María Fernanda Santiago Baños


Antonio Machado Álvarez (1848-1893) naceu en Santiago de Compostela, onde era catedrático o seu pai, Antonio Machado Núñez. Aínda que con só 40 días se trasladou a Sevilla, terra da familia, e xa non volveu a Galicia, relacionouse con escritores galegos, como a coruñesa Emilia Pardo Bazán, e, sobre todo, con estudosos do folclore literario, como Manuel Murguía ou Xosé Pérez Ballesteros.

Xesús Alonso Montero participou na III Aula Juan de Mairena, celebrada a semana pasada en Segovia cunha conferencia titulada El pensamiento de Antonio Machado. O académico foi presentado pola profesora de Filosofía da Universidade Juan Carlos I María Fernanda Santiago Bolaños, concelleira de Cultura de Segovia. A profesora Santiago Bolaños, que foi catedrática durante cinco anos nun instituto de Ourense, é ensaísta e novelista en castelán, mais tamén unha valiosa poeta alófona en lingua galega, salienta o presidente da RAG.