O conselleiro de Educación e Cultura visita a Academia

O conselleiro destacou o papel "vertebrador" da Academia e comprometeuse a manter, máis alá das discrepancias existentes, a colaboración e o contacto permanente entre as dúas institucións.

Axeitos, Méndez Ferrín, Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo á porta da Academia


A Academia recibiu o 6 de febreiro a visita do conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez Abad, quen elixiu esta institución para manter o seu primeiro contacto oficial desde que foi nomeado para o cargo no pasado mes de xaneiro. Vázquez recoñeceu con este xesto a importancia da Academia en materia de lingua e aproveitou a ocasión para manifestar a súa intención de seguir apoiando o labor da RAG nas difíciles condicións impostas polo actual contexto económico.

O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, pola súa banda, manifestou a súa satisfacción pola continuidade do "respaldo económico e moral" que a Xunta presta a esta institución e aproveitou o encontro para salientar o traballo "en silencio e incansable" da mesma. Ao tempo, anunciou a saída da nova páxina web da RAG que entre outras utilidades, contará coa consulta en liña do novo dicionario da lingua galega.