O Concurso-Exposición Letras Galegas da Consellería de Cultura premia cada ano os mellores traballos que, en forma de exposición, aborden a vida, a obra e lingua do autor ao que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio ou sobre a situación sociolingüística da etapa historia en que viviu. Nesta última edición, o concurso premiou tamén, na categoría de ensino secundario, o traballo sobre Del Riego do IES Castelao de Vigo, cidade onde o intelectual viviu sete décadas, por Camiñando con Ramón Sanfiz coñecemos a Francisco Fernández del Riego.
A colección de dez carteis que integra cada unha das mostras gañadoras e as correspondentes guías didácticas chegarán aos centros educativos de toda Galicia e aos que imparten galego noutras comunidades autónomas, Londres, Buenos Aires e Caracas. Chegarán así mesmo aos centros de estudos galegos, concellos da Rede de Dinamización Lingüística e outros de fala galega, como os do Val do Ellas en Estremadura, bibliotecas, centros da emigración e asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas dentro e fóra das nosas fronteiras.