'O certame de 'O Galiciano', de Xosé Filgueira Valverde

Neste artigo, recollido no Segundo Adral (Ediciós do Castro, 1981) Filgueira Valverde salienta a importancia dos certames literarios e da prensa escrita integramente en galego no proceso do Rexurdimento.
Cabeceira de O Galiciano
Cabeceira de O Galiciano.


Na historia da prensa do "Rexurdimento", despois do pulo inicial das follas soltas e das "tertulias", non pode ser esquencido o papel devanceiro dos periódicos escritos enteiramente en galego, escomezando por O Tío Marcos da Portela, fundado por Lamas Carvajal no 1876 e por el sostido deica 1890. Na década dos anos oitenta, en cada provincia pubricábase o seu. O Galiciano. Parola Gallega foi o primeiro que saíu en Pontevedra. Aparecía catro vegadas ao mes, coincidindo coas feiras e mercados.

Dirixiuno, na primeira etapa, Rufino Rivero; na segunda, Roxelio Lois; na terceira, co Novo Galiciano, Rodríguez de Cea, e tivo un proseguimento na Tía Catuxa de Portela Pérez. Algún día teremos que falar destes escritores, modestos, e de moita enxebría. Colaboraron con eles Albino Simán, Ramiro Vieira, López Otero… Imprentouse primeiro nos talleres de Millán, logo nos de Quintáns e finalmente, nos da Viuda e Fillos de Madrigal.

O Galiciano orgaizóu no 1854 uns Xogos Floraes, que presidiu Víctor Balaguer, bilingües, onde levaron os premios galegos Martínez González, Filomena Dato, Xosé Casal, Álvarez Giménez e Pérez Ballesteros. Mais, os que foron de meirande interés, orgaizounos no 1888; todos na nosa fala, fóra do discurso de Murguía, que apañou, por certo, unha boa bulra de Torcuato Ulloa. No mesmo ano recolléronse a Memoria e os traballos nun volume moi ben feito na tipografía de Antúnez. Deron os premios: o Concello de Pontevedra, o Liceo Casino, o Recreio de Artesáns, Eduardo Vicenti, Filiberto Abelardo Díaz, que era Gobernador, Cea Naharro, a Prensa da capital, Prudencio Otero e Rodríguez de Cea. Formaron o Xurado Murais, Indalecio Armesto, Riega e Álvarez Giménez. Houbo un concurso musical paralelo ao que veu de Madrid Rafael Hernández.

Os organizadores puideron dárense por moi satisfeitos cos froitos do Certame. Os escritores acudían, mesmo, ao traballo de formas en que o galego era pouco empregado. Se os "Xogos" da Cruña, no 1861, sinalaron unha nova roita para a poesía, os de Pontevedra viñan a soerguer a prosa. Abonda decir que o libriño contén os seguintes trabalos: "Biografía de don Manoel Ventura Figueroa", por Roberto García Feixó; unha serie de sembranzas de fillos de Galicia que cultivaban a nosa fala naquel intre, panorama moi periodístico e sinificativo, de Rodríguez de Cea; unha das primeiras novelas galegas Xuana de Amor Meilán. A incipiente dramática galega acrecíase con "A Horta de San Lourenzo" de Roxelio Civeira. Polo que di á poesía, premiáronse producións que acadarían moita popularidade: "Probe gaiteiro de Baio" e o "Canto a Pontevedra" de Labarta Pose; "A Víspora de San Xuán" de Alfredo Brañas; "Os feitizos ou Meigallos" do caldense Adolfo Mosquera e a longa e ben anotada refenda de "As festas do Corpus" por Heliodoro Cid.

Benia aos que daquela, sen dar tan xiquera os seus nomes na pubricación, souperon orgaizar o "Certame Gallego Literario" de Pontevedra e lograron que os seus froitos chegaran deica nós nun libro que é unha das xoias da nosa bibliografía do rexurdir da fala e dos esprito do noso pobo.

Faro de Vigo, 13-VIII-1978