O Celta fai saltar as Letras Galegas ao campo

O Celta de Vigo fixo saltar a celebración das Letras Galegas ao campo no partido disputado o pasado domingo en Barcelona. O club escribiu no Camp Nou a última páxina dunha conmemoración ben orixinal. Os xogadores realizaron o quecemento previo ao partido vestindo unhas camisetas creadas para celebraren o 17 de maio. Os termos futbolísticos máis populares en galego impresos nas costas substituíron os seus nomes. Iago Aspas luciu así unha peza co verbo canear e o porteiro Iván Villar a palabra luvas.

Fonte: Celta de Vigo

Os xogadores explicaron durante as xornadas previas ao Día das Letras Galegas, a través das redes sociais do Celta, o significado das palabras elixidas: biqueira, luvas, furar, malleira, reviravoltaadestrador, quecementosachada, punteirolo, curruncho, afouteza, seareiro, canearbancada, padiola, e canteira. Os termos formaron parte dun concurso nos que os afeccionados puideron avaliar o seu léxico futbolístico.

A celebración das Letras Galegas tamén estivo presente noutros deportes. O Monbus Obradoiro vestiu este mércores unha camiseta cos nomes de todas as figuras ás que a Real Academia Galega rendeu homenaxe, co de Xela Arias, a protagonista das Letras Galegas 2021 destacado. Os perfís oficiais doutros equipos e organizacións deportivas, como o Dépor, o Río Breogán a Real Federación Galega de Fútbol ou a Federación Galega de Atletismo tamén acolleron mensaxes de celebración do 17 de maio, unha data que recordaron igualmente nas súas contas persoais deportistas como a regatista Sofía Toro. O 17 de maio foi ademais motivo de celebración de distintas competicións como a VII Carreira Camiño das Letras.

Fonte: Monbus Obradoiro