Pura Vázquez aos 32 anos de idade.
Fonte: Arquivo RAG
Pura Vázquez de cativa coa súa irmá maior Dora.
Fonte: Arquivo RAG
Coa súa irmá Dora e os seus pais na casa deles no Salto do Can.
Fonte: Arquivo RAG
Pura Vázquez nunha homenaxe a Rosalía de Castro (1951).
Fonte: Arquivo RAG
Regreso das Illas Cíes, con integrantes das Jornadas Internacionales de Literatura (1953).
Fonte: Arquivo RAG
Pura Vázquez lendo durante un recital de poesía organizado polo Centro Galego de Barcelona.
Fonte: Arquivo RAG
Impartindo clases na escola infantil El Libertador de Chacao (Caracas) no ano 1956.
Fonte: Arquivo RAG
Pura Vázquez e Carmen Conde no claustro da colexiata de Xunqueira de Ambía.
Fonte: Arquivo RAG
Pura Vázquez descende dun avión na súa chegada a Barcelona (1955).
Fonte: Arquivo RAG
Pura e Dora Vázquez con Gala Murguía, filla de Rosalía de Castro e Manuel Murguía.
Fonte: Arquivo RAG
Homenaxe á poeta en Vigo antes de embarcar á emigración en Venezuela en 1955. Acompáñana, ademais do seu pai, Ramón González Alegre, os irmáns Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez, Francisco Fernández del Riego, Francisco Leal Insua e Celso Emilio Ferreiro entre outros.
Fonte: Arquivo RAG
Pura Váquez e a súa amiga Pilar Vázquez Cuesta no antigo Centro Galego de Madrid, despois de unha xuntanza de homenaxe no Centro con Estudiantes da universidade.
Fonte: Arquivo RAG
A poeta nas Xornadas Internacionais da Poesía Española celebrada nas Illas Cíes en 1953 na compaña, entre outros, de Gabriel Celaya, Carles Riba, Rafael Morales, Joan Perucho, José García Nieto, Jacinto López Gorgé e Luís Rosales.
Fonte: Arquivo RAG
Homenaxe aos nenos do Centro Escola-Fogar de Pontedeume (1979).
Fonte: Arquivo RAG
En Caixa Ourense, na presentación do libro editado por esa entidade Poesía de Pura Vázquez (1994).
Fonte: Arquivo RAG
En total, a colección consta de 67 fotografías procedentes dunha doazón realizada por Luís Alonso Girgado no 2006, tras o pasamento de Pura Vázquez ese mesmo ano. A mostra constitúe unha sorte de fotobiografía dunha autora de vida itinerante, entre Galicia, Venezuela e Madrid, que foi quen de manter unha longa e intensa actividade creativa en condicións adversas, e de se relacionar estreitamente cos principais círculos intelectuais casteláns e galeguistas do seu tempo.
De formación autodidacta, a biblioteca familiar, que dispuña dos clásicos do Rexurdimento en galego, foi a primeira fonte de contacto da futura poeta coa literatura, que cultivou na escrita desde moi cedo. Cursou o bacharelato en Ourense, no Instituto do Posío, onde coñece a Otero Pedrayo, quen facilitou as súas primeiras colaboracións en prensa no xornal La Zarpa, que fora fundado polo líder agrarista ourensán Basilio Álvarez.
Desde este momento e practicamente ao longo de toda a súa vida, Pura Vázquez publicou artigos de xeito constante na prensa do seu tempo, tanto na de carácter xeralista galega ou española, como os xornais Galicia, La Región, El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, Informaciones ou ABC; como nas cabeceiras de carácter literario dunha e doutra beira do Atlántico, como as revistas venezolanas Vida y Letras, Antorcha, Árbol de fuego ou Poesía de Venezuela e nos medios das diversas casas de Galicia en América.
Logo da guerra civil, Pura Vázquez rematou Maxisterio en Ourense e emprendeu o seu periplo como docente en diversos puntos do estado, entre eles Madrid, onde entra en contacto cos círculos literarios capitalinos. En 1955, tras unha calorosa despedida da intelectualidade galeguista, emigra a Venezuela onde permanecerá oito anos en total en tres etapas diferentes da súa vida. Establecida en Madrid tras a súa volta, regresa de xeito definitivo a Ourense en 1992.
Malia a cultivar todos os xéneros literarios, Pura Vázquez é recoñecida sobre todo polo seu labor como poeta, que principia moi cedo, coa publicación, xa en 1943, de Peregrino de amor, poesía en castellano y en gallego, á que seguirá Íntimas, editada por Xistral en 1952, a colección dirixida por Manuel María e Ánxel Johan. Este libro, canda O paxaro na boca, de Luz Pozo, foi o primeiro de autoría feminina publicado en galego despois da guerra civil.
A súa poesía, intimista e contida, ten na evocación da paisaxe do seu Ourense natal un dos seus temas predilectos: Cidade de augas quentes no gurgullar das fontes / das Burgas e das Caldas e de outros manantíos. / Percorrín os teus montes, treméi coas túas campás. (Se digo Ourense..., 1994).
A experiencia da emigración, a morriña e o desarraigo foron outras materias constantes da súa poesía: O meu corpo non está eiquí, conmigo. Esta na ansiedade, / no deseio, na ledicia, na saudade, no amor, / na música segreda, inefabre, no nome que bico ao / nomealo: Galicia. (O desacougo, 1971).
Tamén a poesía amorosa está presente na súa obra xa desde as súas primeiras composicións, ás veces para celebralo e outras para invocalo: Ven a poboarme, amor, da túa gracia que da vida nasce. / a encherme as veas de cantigas mácias. / de podentes maruxías, de escintileos / de asosegadas estrelas bariles.
Abundan ademais na súa vizosa produción poética as composicións en homenaxe a figuras admiradas ou queridas súas, quer contemporáneas, como Otero Pedrayo, Xohana Torres, Ramón Piñeiro, Lois Soto ou Francisco Fernández del Riego; quer históricas, como Ramón Cabanillas, Curros Enríquez, Eduardo Pondal ou Rosalía de Castro: Funga o vento por Padrón, / e un anxo ven pol-a ría, / con verbas de anunciación: / É a sombra de Rosalía! (Maturidade, 1955)
Alén da poesía, Pura Vázquez cultivou outros xéneros, como a literatura infantil, adoito a catro mans canda a súa irmá Dora Vázquez. Foi nomeada membro correspondente da Academia o 17 de abril de 1949 a proposta de Francisco Vales Villamarín, Antonio Couceiro Freijomil e Leandro Carré Alvarellos.
DESEXO
Quixera que entendérades a miña
arelante palabra.
Que a miña voz chegase
nidia e sinxela a vós, brillando
como a luz desa lámpada da casa
que aluma sin queimar. Que fire
dentro coa súa calor. Quixera
os esplendores do solpor,
e abrazar a laranxa
do sol que morre cada día
na quente terra da estiaxe. Acadala.
Mollar as mans nas sombras e os rocíos
e apalpar as paisaxes inquedantes da lúa,
o seu fouciño brilante,
o seu perfil de plata.
Fixala nos espellos da ventana.
Na espelunca do Tempo, do Universo.
Na miña teima humán acrisolala.
Que nos chegase a luz.
A viva luz que racha
as torres afiadas do silencio
e no ár se abana.
Amañecer desperta
sobre a maxia da escarcha,
sobre o tremor da herba, sobre a pedra.
Sobre a flor da gracia
i o sono interrompido polos paxaros
ó frente das estrelas, xa morrendo.
Correr tola e descalza
nos desertos camiños da miña alborada.
Do libro Se digo Ourense... (1994)