O arquivo da RAG enriquécese coas partituras da Banda Garrote

Entre as composicións que o ponteareán Reveriano Soutullo (1880-1932) asinou co pseudónimo de Rals e a do primeiro himno do Fútbol Club Barcelona hai un elo que pasa por Ortigueira. E agora tamén polo Arquivo da Real Academia Galega. Todas estas partituras forman parte da doazón dixital á institución do arquivo musical da Banda Garrote (ca. 1886-1963) que asinou recentemente Xabier Garrote Cobelo, herdeiro do legado documental da que foi unha das formacións de máis sona dunha comarca de gran tradición musical. Parte deses máis de 6.000 títulos -moitos manuscritos- poden consultarse xa en Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia. Tamén “os cadernos do avó”, nos que Manuel Garrote Sánchez, segundo director da agrupación, anotou con precisión notarial e pulcritude todo tipo de detalles de case un milleiro de actuacións entre 1909 e 1919.

1/12

Co gallo do Día dos Arquivos, a Real Academia pon o foco nesta nova colección, que estará dispoñible na Rede en aberto de acordo co lema da última edición da conmemoración instaurada pola UNESCO: Arquivos Accesibles – Arquivos para tod@s. Polo momento poden consultarse preto de mil partituras de 65 autores que compoñen o fondo galego. “Xa coñecemos, grazas ao traballo de Alejo Amoedo, partituras impresas que Soutullo asinou con pseudónimo e que se deran por perdidas, pero aínda hai moito patrimonio musical galego interesante por investigar. Por exemplo, o do mindoniense José Antonio Lodeiro Piñeiroa (1868-1934), autor do primeiro himno do Barça. A partitura manuscrita, de 1910, apareceu entre os documentos do seu arquivo, que o meu pai mercara, e doouse ao Fútbol Club Barcelona en 2015”, explica Xabier Garrote. 

El mesmo se encargou de ordenar, clasificar e dixitalizar o arquivo dixital que se atopaba na casa familiar de Ortigueira, e ten atendido solicitudes de especialistas de distintos puntos da Península para accederen a documentos dun conxunto moito mellor conservado cós doutras agrupacións coetáneas, precisamente pola consaguinidade dos seus directores, que foron transmitíndoo e arrequecéndoo xeración tras xeración. “Pero con esta doazón o acceso ao arquivo da Banda Garrote vai ser moito máis sinxelo, agardo que promova novos estudos. Del pode extraerse información valiosísima para a investigación actual das bandas”, valora Xabier. A diferenza dos seus devanceiros, el non se dedicou profesionalmente á música pero é un grande afeccionado, dirixiu o Festival de Ortigueira nas seis primeiras edicións e, alén de catalogar o arquivo da agrupación que leva o seu apelido, investigou a súa historia e plasmouna no libro A Banda Garrote: música e músicos en Ortigueira (2020).

Unha saga familiar
A Garrote naceu cara a 1886 como Banda de Landoy e seguiu en activo ata arredor de 1963. Adoptou inicialmente o nome do topónimo castelanizado da parroquia da que era natural María Manuela Sánchez Urrutia, a dona do volinista José María Garrote Rodríguez (1838-1916), o seu primeiro director, e así se denominou cando menos ata 1922. Un dos fillos do matrimonio, Manuel (1876-1963) , o avó de Xabier Garrote Cobelo, collería en 1901 a batuta e lle daría un primeiro gran pulo a un repertorio que xa non era menor. Desta época consérvanse no arquivo moitas partituras adoito copiadas á man e intercambiadas con outros músicos. Na nómina figura, entre outros, o pontevedrés Felipe Paz Carbajal (1950-1918), compositor e director da banda de Noia, de quen hai no arquivo da Garrote corenta e catro títulos. 

En 1931 Manuel deixou a dirección da banda en mans do seu fillo Andrés Garrote Armada (1911-1993). Con ela a agrupación coñecería o seu esplendor, en parte seguramente polo empeño persoal do proxenitor de Xabier de seguir a facerse con partituras de orixes moi diversas. “Foi co meu pai con quen máis medrou o arquivo musical. Cando os seus músicos emigraban a América, mandaban partituras dende alá, e iso permitíalle á banda tocar auténticas novidades, algo moi importante naquel momento. O meu tío Moisés Cobelo López mandaba marchas militares como Barras e estrelas, e iso dáballe á Banda Garrote unha relevancia especial”, lembra o doador.
Canto ao fondo galego da colección sobresaen, ademais das pezas dos mencionados Reveriano Soutullo, Lodeiro Piñeiroa e Felipe Paz Carbajal, outros autores como Higinio Cambases Carrera (1900-1949), quen traumatizado pola represión dos golpistas acabou suicidándose. E tamén do propio Andrés Garrote Armada, que exerceu de compositor para banda, entre 1928 e 1934, cun feixe de títulos como Noitébregos da Penela e A festa de San Cristóbal de Ferreira, dedicado á parroquia do Valadouro na que tantas veces fara tocar co pai, lembra Xabier Garrote no seu libro.

Os cadernos do avó
Canda as partituras da banda, a doazón dixital á RAG inclúe os dous libros de entradas e saídas nos que Manuel anotou con minuciosidade todo tipo de detalles da actividade cotiá da banda entre 1909 e 1919 “Foi unha fortuna atopar os que eu chamo os cadernos do avó. Ofrecen unha historia completa de case unha década da formación, e constitúen tamén un material de gran valor para afondar na historia dos concellos onde a banda actuou”, comparte Xabier Garrote Cobelo. Estas páxinas dan conta de cantos músicos participaban en cada contratación, o que cobraban, o modo de desprazamento (a pé, en bicicleta, en carro de cabalos, mesmo en barca) ou o tipo de servizo: desde festas a enterros, algúns deles de cativos falecidos durante a pandemia da chamada gripe española.
As actuacións rexistradas durante case unha década (non se inclúe información de 1914) son preto dun milleiro. Case cincocentas foron na casa, Ortigueira, e 140 en Cariño, que daquela formaba parte do mesmo concello. Outras localidades próximas como San Sadurniño, Mañón, Narón, Cedeira, Cerdido ou Moeche eran tamén frecuentadas pola Banda Garrote, que gozou ademais de predicamento no norte da provincia de Lugo e actuou en distintas ocasións no Vicedo, Viveiro, Ourol, Muras ou O Valadouro que inspirou á obra ao xeito de rapsodia que Andrés dedicou ás festas de San Cristovo de Ferreira.